Alonso Montero, Xesús

Alonso Montero, Xesús

Filólogo, crítico literario e investigador. Logo de pasar a súa infancia e adolescencia nas terras do Ribeiro, en Ventosela de Sampaio, licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade de Madrid (1953) con premio extraordinario. En 1956 gañou a Cátedra de Literatura de Escolas Normais e en 1959 a de Lingua e Literatura Españolas de Institutos de Ensino Medio. Doutorouse en 1966 en Filosofía e Letras na Universidade de Salamanca cunha tese sobre Curros Enríquez.

Exerceu como profesor en Palencia, Lugo, Valéncia e Vigo. Foi un destacado loitador na defensa de Galicia, a súa lingua e cultura, moi comprometido cos movementos antifranquistas na clandestinidade. Militou no Partido Comunista dende 1962 e ata 1977. Logo de apoiar publicamente o PSOE vigués, retornou á militancia comunista activa e figurou nas listas ao concello de Vigo por IU nas eleccións municipais de 1999.

É catedrático de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, membro da Real Academia Galega dende 1993 e do Consello da Cultura Galega. Recibiu, entre outros, o premio Galicia de Xornalismo (1986 e 1990), o premio Nacional de Xornalismo Julio Camba (1988), o premio Otero Pedrayo (1989), o Pedrón de Ouro (1990), o premio Celanova Casa dos Poetas (1993), o premio á Creación Cultural da Xunta de Galicia (1994) e o premio de xornalismo Fernández Latorre (1995). Conferenciante e organizador de numerosísimos congresos, xornadas e simposios, ademais de prologuista e colaborador da prensa, entre os seus traballos de investigación pódense citar os seguintes: Cen anos de Literatura Galega: Catálogo da Exposición Bibliográfica celebrada no Círculo de las Artes de Lugo (1964), en colaboración con Epifanio Ramos; O que cómpre saber da lingua galega (1969); Lingua, literatura e sociedade en Galicia, 25 anos de Filoloxía Galega: 1951-1976 (1977); Política e cultura en Galicia: 1977 (1978); Escritores: desterrados, namorados, desacougantes, desacougados (1981); Celso Emilio Ferreiro para os nenos (1989); Decálogo da lingua galega (1990); Informe(s) sobre a lingua galega (presente e pasado) (1991); As palabras no exilio: biografía intelectual de Luís Seoane (1994), premio da Crítica de Galicia en 1995; Lingua e literatura galegas na Galicia emigrante (1995); Ben-Cho-Shey. Mestre, político galeguista, etnógrafo, bibliófilo, erudito, xornalista. O valedor da lingua galega (1996); Ensaios breves de literatura e política (1996); Os poetas galegos e Franco (1997), etc. Entre as súas escolmas e compilacións pódense citar Os cen mellores poemas da lingua galega (1970); Coroa poética para Rosalía de Castro (1985); Coroa poética para Castelao (1988); Luís Pimentel, biografía da súa poesía (1990); Poetas alófonos en lingua galega (1994), en colaboración con X. M. Salgado; Poemas ao vagalume (1997).

Realizou edicións de obras de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Leiras Pulpeiro, García Lorca, Ánxel Fole, etc. Encargouse das edicións do Cancioneiro da loita galega (1996, facsimilar), de Coroa poética para un mártir. 35 poemas á morte de Alexandre Bóveda (1936-1994) (1996), de Os poetas galegos coa xente do traballo (De Rosalía de Castro a 1972) (1997). Como creador escribiu a narración Pedro Petouto: Traballos e cavilacións dun mestre subversivo (1974), e os poemarios María das Falas di mal do noso tempo, finalista do Certame Xacobeo 1993, e Airas Nunes volveu Camiño, gañador deste mesmo certame en 1994. En castelán publicou La palabra en la realidad (1963), Lengua y estilo de Curros Enríquez (en su poesía gallega) (1968), Realismo y conciencia crítica en la literatura gallega (1968), Constitución del gallego en lengua literaria (1970), Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973), entre outras.

Foi presidente da Real Academia Galega dende o 20/04/2013 ata o 17/03/2017. 

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo