Alonso Ríos, Antón H.
Profesor e político. Antón Hipólito Alonso Ríos realizou os seus primeiros estudios en Silleda ao tempo que axudaba nos negocios comerciais da familia. Con dezaseis anos matriculouse na Escola Normal de Maxisterio de Santiago e posteriormente dedicouse ao ensino en Compostela. En 1908 emigrou á Arxentina onde tamén exerceu de mestre en Bos Aires e en Mendoza. En 1909 fundou a Sociedad Hijos de Silleda e comezou a estudar Filosofía e Letras vencellándose ao movemento agrarista. Ademais foi o artífice da Federación de Sociedades Galegas (FSG), fundou e dirixiu, en 1922, El despertar gallego e Galicia e colaborou na revista Céltiga. En 1931, ao triunfar a República Española nas eleccións, foi enviado a España pola Federación e xa en Galicia foi elixido secretario da Federación Republicana Galega. Dirixiu en Tomiño as denominadas Escuelas del Porvenir ao tempo que exercía como inspector, nomeado pola Federación Galega de Sociedades de Instrución e Culturais de Bos Aires, das escolas sostidas polos emigrantes e continuaba coas súas actividades políticas. Traballou intensamente para unificar o movemento agrario mediante asembleas e debates ao mesmo tempo que desempeñaba o cargo de presidente da Federación Agraria de Tui. Foi elixido deputado pola Fronte Popular en 1936 e participou en mitins a prol do Estatuto de Autonomía. Co estoupido da Guerra Civil pasou á clandestinidade e durante máis de vinte meses percorreu Galicia con diversos disfraces e co nome de Afranio de Amaral. Conseguiu pasar a Portugal e de aí a Casablanca, onde embarcou en 1939 cara a Bos Aires. De novo na emigración traballou como viaxante de comercio e axente de seguros ao tempo que continuaba co seu labor político. Foi nomeado presidente da Irmandade Galega e secretario do Consello de Galiza que pasaría a presidir trala morte de Castelao. Durante os últimos anos da súa vida continuou participando en todas as actividades da colectividade. É autor dos ensaios Co pensamento na patria galega (1942), Da saudade: amore, arte e misticismo (1956) e A cultura galega na súa dimensión americán (1961), así como o testemuño autobiográfico O Siñor Aframio ou como me rispei das gadoupas da morte (1979). Postumamente, en 1991, publicouse a súa novela Nidia. No eido educativo deixou constancia das súas reivindicacións a prol dunha mellora da educación en numerosos artigos: “Escuela laica” (El Pueblo Gallego, 1935, onde defendía o ensino laico), “Defectos de nuestra escuela rural: Exotismo” (El Pueblo Gallego, 1935, onde se queixaba e criticaba a situación do profesorado das escolas primarias en Galicia) e “Educación agraria: Las escuelas creadas por las asociaciones de emigrados” (El Despertar Gallego, 1929), entre outros.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Camporrapado, Silleda -
Deceso
Lugar : Bos Aires