Alonso Rodríguez, Eliseo

Alonso Rodríguez, Eliseo

Poeta, escritor, publicista e estudoso da cultura galega. Logo de estudar bacharelato en Tui e Vigo publica no 1950 o seu primeiro libro Cantos de Cotovía, poemario en castelán e no mesmo ano emigra a Bos Aires, inciando a súa andaina como escritor e xornalista vencellado aos círculos galeguistas. Na emigración fundou a revista Mundo gallego e dirixiu Airiños do Carballiño, órgano da Casa de Galicia en Bos Aires, na década dos cincuenta. Desenvolveu o labor de articulista para xornais da Arxentina, Galicia, Montevideo, Madrid e O Brasil, obtendo en Bos Aires varios premios xornalísticos e o Premio Minerva polos seus poemas. Foi tamén corresponsal de El Hogar nas provincias arxentinas e traballou como redactor en La Prensa, ademais de colaborar en case todos os xornais rioplatenses, ao tempo que enviaba ao vigués El Pueblo Gallego as súas crónicas “Aquí Buenos Aires”. De volta a Galicia en 1958, colabora en Faro de Vigo, Industrias Pesqueras, La Voz de Galicia, ABC, Ya, Dorna, A Nosa Terra, Arte Galicia, tanto en Radio Nacional de España coma na Televisión de Galicia, nos que ás veces adoitaba asinar cos pseudónimos Alonso de Goián ou A. Penamor. En castelán publicou o poemario Tiempo y camino, VI Premio Internacional de Poesía Álamo, e o conto “Tres flores, tres pastoras, allá lejos”. Ten un conxunto de estudios artísticos La pintura de Antonio Fernández (1959), Xoán Piñeiro (1981); xeográficos Los ríos de Pontevedra (1966) e antropolóxicos Viños do Rosal e do Condado (1992), Bajo Miño y costa sur (1967), Gamelas y marineros (1987), Pescadores del río Miño (1989), Viños do Rosal e do Condado (1992). En galego publicou o poemario Seara de romances (1952), que mereceu o Premio do Centro Galego de Bos Aires, o volume de relatos Contos do Miño (1955) e a novela A rúa do noxo (1977). Achegouse aos contos para nenos coa publicación de Reiciñeira (1981). Conferenciante en congresos e seminarios en temas de antropoloxía e organizador do Congreso Gallaecia. Foi Membro correspondente da Real Academia Galega (1954), membro de honor do grupo arqueolóxico García Alén e do Instituto Galaico-Miñoto. Entre os galardóns obtidos cómpre destacar o Premio de Poesía O Facho e o Julio Camba de Periodismo polo traballo Los históricos y artesanales aguardenteiros deben seguir destilando sus potadas.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Goián, Tomiño

  • Deceso

    Lugar : A Habana