Alonso Vieites, Eusebio

Alonso Vieites, Eusebio

Tipógrafo e periodista compostelán, de ideario republicano. Nos anos de 1880 foi redactor da Gaceta de Galicia e El País Gallego, principais periódicos liberais da localidade, ata que tivo imprenta propia por algún tempo. En 1891, á calor dos actos do 1º de Maio, participou na fundación dun precursor Centro Obrero e, un ano despois, vai dirixir La Voz del Pueblo, decano da prensa obreirista de Santiago. Próximo daquela ao socialismo, Alonso foi un dos precursores do societarismo proletario compostelán e, como tal, sufriu cadea e proceso logo da violenta folga xeral que viviu a cidade en 1898. Agora como simpatizante do republicanismo radical de Lerroux, reapareceu co novo século en Moaña onde tivo unha importante presenza nas axitacións agrarias e mariñeiras do Morrazo, de xeito que, en 1917, a conxunción republicano-socialista-agraria de Pontevedra promoveuno como candidato á Deputación. Máis adiante, disconforme coa radicalidade das loitas sociais na alborada dos anos de 1920, Alonso moderará devagar as súas posturas políticas, de maneira que, no devalo da Segunda República, foi notorio o seu achegamento ás teses de Calvo Sotelo.

Cronoloxía

  • Deceso

    Lugar : Moaña

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela