Alpes, Os

Alpes, Os

Principal serra da Europa Occidental que ao longo duns 1.300 km forma fronteira entre Italia, Francia, Suíza, Austria e Eslovenia. O límite setentrional constitúeno de O a L o val do Rin, o altiplano suízo e o altiplano de Baviera. Polo S, os Alpes caen bruscamente sobre a chaira do Po, que ocupa todo o N de Italia. Neste longo percorrido xeralmente distínguense os Alpes Occidentais, desde o Mediterráneo ata o Mont Blanc, os Alpes Centrais, que ocupan o S de Suíza e Austria ata o paso de Brenner, e os Alpes Orientais, que por unha parte se perden divididos en múltiples dixitacións nas chairas húngaras e que polo S continúan nas serras calcarias da costa de Eslovenia e Croacia. Subdivídense nunha multitude de pequenas serras e conxuntos que a miúdo levan o nome da rexión que bordean -Alpes Réticos, Alpes de Lombardía, Alpes de Venecia, Alpes de Baviera, Alpes Berneses, Alpes de Algau, Alpes do Gaital, Alpes do Cillertal, Alpes de Orobia (entre os Alpes Peninos e os Alpes de Lombardía)- ou teñen denominacións propias -Alpes Marítimos, Dolomitas, Alpes Lepontinos, Alpes Xulianos-. Culminan no Mont Blanc (4.810 m de alt) e unha gran cantidade de cumios sobrepasan os 4.000 m (Écrins, Monte Cervino, Monte Rosa, Jungfrau, Finsteraarhorn, Aletschhorn). De estrutura complexa, é un típico exemplo de cordilleira xeosinclinal, con grandes corrementos que incorporan, xuntamente cos materiais sedimentarios, masas metamórficas e granitos. Dende o punto de vista estrutural, divídense de N a S en Prealpes, rexión de pregamentos laxos e de materiais alpinos autóctonos, Alpes Medios, zona axial, formada por materiais hercinianos, a miúdo recubertos por capas de corrementos e Alpes Interiores, onde se deposita a maior parte dos materiais do xeosinclinal e onde están situadas as raíces das capas de corremento. A historia xeolóxica dos Alpes iníciase a finais da era Primaria, cando a erosión viña de destruír as cadeas hercinianas máis exteriores e se abre o gran solo xeosinclinal ao pé dos macizos centroeuropeos. A finais da era Secundaria polo L comezan a se alzar os materiais depositados no xeosinclinal, e a finais do Eoceno xa emerxen os Alpes occidentais. A fase do paroxismo principia nos comezos do Mioceno e caracterízase polas grandes masas que se trasladan dende o S cara ao N, a través dos materiais antigos que afloran na zona axial. Algúns destes mantos de corrementos foron levados outra vez ao S e formaron pregamentos extraordinariamente complexos, como no Monte Viso. A maior parte dos mantos de corremento esvararon ao N dos materiais antigos, ao entrar en contacto cos sedimentos autóctonos dos Prealpes, pregáronse nun típico estilo de cobertura. O contacto entre estas dúas unidades é unha zona débil, fortemente erosionada polas augas, unha ampla fosa percorrida en parte polo Rin, polo Inn e polo curso alto do Ródano. A morfoloxía actual dos Alpes está determinada en parte pola acción do xeo, que durante a última glaciación ocupaba uns 170.000 km2. Os glaciares actuais non son máis que pequenos restos dos grandes xeos cuaternarios. O cume máis alto atópase nas zonas onde afloran os materiais antigos do zócolo herciniano, e que xeralmente son rochas máis resistentes á acción do xeo. Un certo número de grandes lagos e de morrenas ao pé da serra son unha mostra da importancia destes xeos en tempos pasados. A maoiría dos vales, e tamén a maioría das cristas que baixan dos cumes elevados, deben o seu modelado á acción glaciar. Tres dos ríos máis importantes de Europa, o Ródano, o Rin e o Po, nacen nesta cordilleira. O clima dos Alpes vén condicionado pola altitude: nos vales predomina un clima suave e mediterráneo; nos cumios altos, atópanse as neves perpetuas. Rexístranse, sen embargo, algunhas particularidades comúns a toda a rexión, como son a elevada pluviosidade e o feito de que os vales lonxitudinais presenten unha marcada disimetría entre a solaina e a umbría. As paisaxes de alta montaña son as máis típicas dos Alpes. Pódense distinguir tres zonas dentro da alta montaña alpina: entre os 1.000-1.700 m e os 2.000-2.400 m, segundo os lugares, atópase o piso subalpino ou das coníferas, no que predominan, na parte inferior, bosques de abeto rubio, algunhas veces mesturados con abetos brancos, e na superior, poboamentos de alerces e de Pinus cembra con Rhododendron ferrugineum; a paisaxe comprende tamén prados para gadañar, pastos de diversos tipos, comunidades megafórbicas, turbeiras, humidais e rocas, e coa súa vexetación característica. Entre os 2.000-2.400 m e os 2.700-3.200 sitúase o piso alpino. Nel predominan os prados de pasto; o principal, sobre solo acedo, é o prado de Carex curvula. Nos macizos calcarios aparece céspede de Carex firma e Sesleria coerulea. Por enriba dos 2.700-3.200 m esténdese o piso nival ou de neves perpetuas; nel predominan os liques e algunhas prantas nas rocas abruptas onde a neve non é permanente, acadando estas comunidades os 4300 m. Nos niveis inferiores a paisaxe vexetal é ben diferente nas diversas partes da serra. Cómpre distinguir, de N a S, tres territorios bioxeográficos ben diferenciados. Os Alpes setentrionais, húmidos, a paisaxe está composta por carballeiras humidas e bosques de carpes e faias, en ocasións con abetos brancos. Nos vales interiores, o clima continental, pouco chuvioso, comporta bosques de Quercus humilis e de piñeiro rubio e doutras coníferas, coma tamén irradiacións de vexetación esteparia oriental e de plantas da Europa meridional. Finalmente, nos Alpes meridionais, cómpre distinguir, por unha banda, os Alpes marítimos, nos que aparece un estreito piso basal mediterráneo. Nos niveis superiores, a partir do piso subalpino, as diferencias reflíctense no feito de que o tipo natural da paisaxe apareza en altitudes máis ou menos elevadas nunha banda ou outra. A ocupación humana dos Alpes data xa do Paleolítico superior. A poboación distribúese en pequenos poboados nas terrazas dos vales, na parte da solaina, e os núcleos chegan ata uns 2.000 m. Ao pé da serra, xeralmente á saída dos grandes vales, a miúdo nas beiras das lagoas, atópanse algunhas cidades importantes que centran a actividade económica da rexión (Xenebra, Grenoble, Zúric, Varese, Bolzano, Innsbruck). Hai unha grande parte da poboación que emigra cada verán ás áreas altas onde levan o gando, e que no outono volta ás aldeas dos vales. As comunicacións a través dos Alpes non comezan en grande escala ata a apertura das primeiras estradas na época napoleónica e a construción do primeiro túnel de ferrocarril (Semmering) en 1854. Actualmente, o tránsito a través da serra faise por unha ducia de vías férreas, algunhas con túneles notables (Simplon, San Gottardo), e diversas estradas, sensiblemente melloradas desde a apertura do túnel do Mont Blanc (11,6 km) en 1965. Este achegamento permitiu desenvolver unha importante actividade económica, o turismo, principalmente aquel que aflúe aos centros de deportes de inverno e de montaña.