Alsacia
Rexión do extremo NL de Francia, que comprende os departamentos do Alto Rin e do Baixo Rin (8.280 km2; 1.689.707 h [estim 1995]). A capital é Estrasburgo, cidade sede do Consello de Europa. É unha chaira alongada duns 200 m, de altitude media, que desde a Antigüidade serviu de paso entre o N e o S de Europa. Xeomorfoloxicamente forma parte da fosa renana. Hai tres grandes tipos de paisaxe: as montañas dos Vosgos, a chaira e os outeiros subvosguianos. A vertente alsaciana dos Vosgos comprende un macizo de gres ao N e un cristalino ao S, máis elevado e tallado en vales profundos, que acaba nunhas fallas graduadas. A chaira, percorrida polo Rin, está cuberta con depósitos eólicos. Os solos aluviais menos fértiles, formados durante o Cuaternario foron transformados por unha lixeira erosión en terrazas. Ao S o Rin formou unha rexión de outeiros baixos: o Sundgau. Protexida das influencias oceánicas polos Vosgos, o clima é continental. A paisaxe agrícola está moi dividida: o policultivo intensivo dos cereais é tradicional; o orxo e o lúpulo alimentan a industria cervexeira. Nos outeiros subvosguianos do S prodúcense viños brancos secos moi apreciados. Preto de Mülhausen atópase o único xacemento de potasio de Francia. Hai dúas refinerías (Reischtett e Herrlisheim), diversas centrais eléctricas nas lagoas de Vosgos e no Canal de Alsacia, e unha central nuclear en Fessenheim. A industria está fortemente diversificada. A rede urbana artéllase en torno a Estrasburgo ao N e a Mulhausen ao S. O que dá unidade a Alsacia é a poboación, que conserva vivas as tradicións, a relixión (católica ou protestante) e fala un dialecto xermánico, variante do alamánico, chamado alsaciano. A maioría dos alsacianos son de lingua materna xermánica. A lingua de cultura destes falantes é o alemán literario, que, sen embargo, non é coñecido activamente máis que pola xeración que foi escolarizada na época anterior ao 1918. O resto da poboación coñécea pasivamente por medio do uso escrito. O 80% da poboación é trilingüe (dialecto alsaciano, alemán e francés). Conquistado por Xulio César (58 a C), este país, poboado daquela polos celtas mediomátricos, pertenceu á provincia romana da Xermania Superior. Cando se disgrega o Imperio, Alsacia foi incorporada ao Reino de Austrasia e chega a ser un dos núcleos principais do Ducado da Alamaña (s VI). Suprimido este, unha parte constitúe o ducado de Alsacia. Os seus duques reinan ata o 731, cando Carlos Martell o suprime e nomea dous condes: un na Alta Alsacia (Sundgau) e outro na Baixa Alsacia (Nordgau). Disolto o Imperio Carolinxio, Alsacia formou parte constitutiva da Lotarinxia (843), e posteriormente da Xermania (870). A Alta Alsacia foi rexida dende o 1186 polos Habsburgo; a Baixa Alsacia foi gobernada por diferentes familias ata o 1358, en que foi vendida ao Bispado de Estrasburgo. Foi un dos centros do Humanismo, da Reforma e da Contrarreforma. No ano 1648 Luís XIV anexiona ao estado francés os dominios alsacianos da Casa de Habsburgo, e obtén certos dereitos xurisdicionais sobre as dez cidades imperiais de Alsacia. O Tratado de Nimega (1679) e o de Rijswijk confirman a soberanía francesa sobre a rexión, completada pola adquisición de Estrasburgo no 1681. Contra a vontade dos propios habitantes, no 1871 a Francia de Napoleón III, derrotada por Bismarck, vese na obriga de ceder Alsacia, agás Belfort, ao Imperio Alemán, constituído recentemente co gallo da toma de París. Despois da Primeira Guerra Mundial (1914-1918) volve a pertencer a Francia. Integrada novamente en Alemaña despois da invasión de Francia (1940) na Segunda Guerra Mundial, devolvéuselle á xurisprudencia gala logo de tomala o bando aliado no ano 1944.