aluminotermia
(
Proceso de obtención de metais a partir dos seus óxidos ou sulfuros, por acción do aluminio. O procedemento, posto a punto por Hans Goldschmidt (1894), fundaméntase na maior afinidade que presenta o aluminio polo osíxeno e o xofre, o que lle permite liberar o metal da súa combinación. A reacción realízase dispoñendo nun crisol refractario a mestura de óxido e de aluminio en po e, por riba dela, o iniciador, constituído por unha pequena cantidade de po de magnesio mesturado con peróxido de bario, que se prenden por medio dunha cinta de magnesio. Distintos metais -entre eles o cobalto, o cromo, o manganeso e o molibdeno- obtéñense ou obtivéronse industrialmente, cunha pureza elevada, por aluminotermia. A aluminotermia constitúe tamén a base das aplicacións da soldadura con termita.