aluvión

aluvión

(< lat alluvĭo,-ōnis)

  1. s m [XEOG]

    Aumento importante da cantidade de auga dun río, regato ou lago.

    Ex: Morreron varios animais por mor do forte aluvión do río.

    Sinónimos: chea, enchente, inundación, riada.
  2. s m [XEOL]

    Conxunto de sedimentos transportados e depositados por augas correntes. Os aluvións atópanse nos vales fluviais, deltas, esteiros, lagos e, en xeral, alí onde o poder de transporte da corrente decae a causa dunha diminución da velocidade ou do volume das augas. Están constituídos por arxilas, lama, area, grava, croios, etc, procedentes das rochas da conca fluvial, pero modificados a miúdo a causa do transporte. Os cursos de auga máis ou menos torrenciais depositan os materiais no punto de transición entre a vertente e a chaira, e dan orixe a un cono de dexección. Nos ríos, a medida que se establece un perfil de equilibrio, os aluvións estabilízanse e forman unha chaira aluvial ou de inundación. A medida que diminúe a velocidade ou o volume das augas, os primeiros en depositarse son os aluvións de medida máis grande; así adoita establecerse unha secuencia de materiais aluviais de medida decrecente tanto en sentido horizontal (no curso medio se depositan aluvións de medida máis grande que no curso baixo), como vertical, en gradación sedimentaria. Habitualmente, os croios deposítanse en sentido perpendicular á dirección da corrente de auga. Este feito permite a identificación e reconstrución dos cursos da auga noutro tempo. No transcurso dunha inundación, os materiais máis pesados son arrastrados cara ao fondo do río onde a corrente é máis intensa, mentres que á chaira da inundación son arrastrados e posteriormente son depositados os materiais máis lixeiros, que constitúen as denominadas lamas de desbordamento. Algúns aluvións poden ser interesantes pola presenza de minerais valiosos, que aparecen alí en concentración moi superior á que existe nas rochas nais; así, explótanse xacementos de ouro, de diamantes, etc. Tamén reciben o nome de aluvións os materiais que proveñen das linguas glaciais e das correntes de auga proglaciais ( glaciofluvial).

  3. s m [DER]

    Tipo de accesión natural dos bens inmobles que consiste no crecemento sucesivo e lento de terras producido nas leiras afíns ou ríos, como consecuencia da corrente das augas.