Alvajar Diéguez, César
Escritor, xornalista e político republicano. Foi Presidente do Partido Radical, do que foi candidato nas eleccións xerais de 1931; sen embargo, abandonouno para militar no Partido Republicano Radical-Demócrata e despois na Unión Republicana. Durante a Segunda República foi Gobernador Civil de Soria e na Guerra Civil, xefe da Secretaría da Delegación de Evacuación da Xunta de Defensa de Madrid, redactor da Sección de Información do Ministerio de Estado en Barcelona e redactor dos Servicios de Estado Maior do Exército de Terra. Ao rematar a Guerra Civil foi xulgado e condenado en rebeldía, para exiliarse en París, onde dirixiu La Nouvelle Espagne, órgano do Goberno Republicano no exilio. Tamén en París, representando a Galicia, formou parte do Consello Federal do Movemento Europeo e, dende 1951 ata a súa morte, foi delegado do Consello de Galiza. Paralelamente a esta actividade política, presidiu o Casino Republicano da Coruña, o Comité de Unión Republicana e a Liga de Dereitos do Home na Coruña, e foi membro do Comité Directivo da Agrupación A la Tercera República. A súa faceta xornalística tamén foi moi frutífera. Fundou en Santiago de Compostela o xornal La República e na Coruña La Ciudad e Adelante. Colaborou en Tierra Gallega e El Noroeste; sen embargo, o seu prestixio acadouno como xornalista en La Voz de Galicia, onde foi redactor xefe ata 1935. No exilio traballou para subsistir na Axencia Internacional de Prensa; fixo traducións e colaborou na redacción da Gran Enciclopedia Larousse. Así mesmo, participou na revista Cuadernos del Congreso por la libertad de la Cultura e publicou El espionaje alemán en las costas de Galicia (1916), Voces al viento (1930), onde se recollen algunhas das súas colaboracións en La Voz de Galicia, El regionalismo gallego: origen, desenvolvimiento. Soluciones posibles (1930) e Estudio crítico del poeta Pondal (1932).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : París