Alvarado
Antiga liñaxe que remonta as súas raíces aos tempos de don Paio e, concretamente, a certos cabaleiros godos de sangue real que o axudaron nas súas primeiras loitas contra os mouros. Hai quen atribúe a súa orixe a un cabaleiro francés que veu a España para visitar a tumba do Apóstolo Santiago e que despois quedou en terras de Trasmiera para servir a Deus na loita contra os mouros. As primitivas casas desata estirpe asentáronse en Santander, dende onde sairían diversas ramas que se estableceron noutras rexións de España e América. En Galicia aparecen emparentados, xa desde antano, con antigas e poderosas familias como os Sobrado. Dos Alvarado galegos, unha liña estableceuse na parroquia de Pombeiro (actual concello de Ferreira de Pantón). Os de América proceden na súa maioría dos de Extremadura; entre eles, destaca Pedro de Alvarado, natural de Badajoz e conquistador de México. Outros cabaleiros desta liñaxe ingresaron nas Ordes de Santiago e Calatrava. As súas armas levan, en campo de azur, un castelo de ouro, montado por unha aguia de ouro. Outra variante ostenta en campo de ouro, unha lis de goles e, en punta, unhas ondas de azur e prata que chegan a cubrir o pé da flor de lis. Os de Limpias, Laredo, Ogarrio e algúns de Castela, Andalucía e Galicia representan, en campo de ouro, cinco lises de azur e, en punta, unhas ondas de azur e prata. Algúns engaden bordo de azur con oito aspas de ouro. Os de Castela levan escudo cortado: na primeira partición, tres flores de lis de goles ben ordenadas, en campo de prata; na segunda partición, dúas faixas ondeadas de azur, en campo de prata. Os de Aragón levan, en campo de sable, catro flores de lis de ouro. Os de Valencia, en campo de goles, catro flores de lis de prata e, en punta, ondas de azur e prata. Algúns xenealoxistas recollen outros tres escudos: 1) en campo de ouro, cinco lises de azur, en aspa; 2) escudo cuarteado: primeiro, terceiro e cuarto, con cinco lises de azur, en campo de ouro e segundo cuartel, con tres faixas de azur, en campo de prata; 3) escudo partido (outras veces cortado): a primeira partición con cinco flores de lis de azur, en aspa, sobre campo de ouro; e a segunda partición, con dúas faixas ondeadas (ás veces tres), de azur, sobre campo de prata.