Alvarado Feijoo-Montenegro, Segundo
Periodista, crítico teatral e integrante do equipo de redacción da revista Posío (1940), pois participou na fundación desta revista e no xornal La Hoja del Lunes. A partir de 1943 ingresou no corpo técnico-administrativo da Deputación Provincial de Ourense e en 1950 foi nomeado delegado de Faro de Vigo. En 1968 incorpourase a La Región, onde foi redactor xefe e dirixiu as seccións de crítica de arte e teatro. É un dos máis importantes animadores da vida teatral na vila de Ourense onde promoveu agrupacións como o Teatro de Cámara y Ensaio, o Teatro Juvenil de Ourense ou a Agrupación Teatral Valle-Inclán, nos que dirixiu espectáculos en castelán a partir de textos de Yukio Mishima, Jean Cocteau, Eugene O’Neill, Antón Chéjov, Valle-Inclán, Jean Anouilh ou en galego, a propósito do Hamlet de Álvaro Cunqueiro. Responsable da organización de diversas campañas de teatro e de cursos e seminarios de formación que contribuirán á consolidación dunha xeración de novos actores e directores como Manuel Vidal ou José Manuel Blanco Gil, que terán un indubidable protagonismo na posta en marcha das primeiras iniciativas de teatro en galego desde colectivos como Histrión 70, Grupo de Teatro Auriense ou Rúa Viva. Como sinalara Manuel Guede co gallo da apertura da Sala Caritel en Ourense, en 1982, Segundo Alvarado, máis aló de escollas lingüísticas ou das opcións ideolóxicas, foi un dos impulsores e artífices do importante movemento teatral que nace en Ourense a mediados dos setenta e que fixo desa cidade unha das máis activas e prolíficas do panorama teatral galego dos oitenta, pulo que aínda mantén Sarabela Teatro. Na actualidade mantén en La Región a columna de opinión “Buenos días”. É autor de poemas en castelán espallados por diversas publicacións como o compostelán La Noche ou as revistas Posío e Alba. Ademais publicou en 1964 o volume Orense.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense