Álvarez

Álvarez
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe patronímica moi frecuente en toda a península. Procede do nome persoal de orixe xermánica Álvaro + o sufixo patronímico -ez/es (‘fillo de Álvaro’); de aí que fose moi frecuente tamén a forma Alvares. Álvaro está formado polos elementos alls ‘todo, moi’ e war(j) ‘coidado, precaución, prudencia’; é dicir ‘o que se defende de todo’. Xa aparece documentado no s XII: “Uermudus Aluarici” (doc ano 1037, Tumbos del Monasterio de Sobrado de los Monjes de P. Loscertales de García de Valdeavellano I, p 159), “Veremudus Alvares” (doc ano 1180, “Tumbo de Lorenzana” de A. Rodríguez González e J. A. Rey Caíña en Estudios Mindonienses 8, p 68).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Apelido derivado do patronímico Alvar ou Alvaro. Estendeuse por toda España e América sobre todo en Colombia e Venezuela. A casa máis antiga é a dos Álvarez asturianos. En Galicia hai casas espalladas por moitos lugares coma Ribas de Sil, Fonsagrada, Foz, Becerreá, Arzúa, Ponteareas, Tui, Valdeorras, Manzaneda, Celanova, Ribadavia, A Pobra de Trives ou Xinzo de Limia, entre outros. Moitos cabaleiros desta liñaxe ingresaron nas Ordes de Santiago, Calatrava, Alcántara, Montesa, Carlos III, e San Xoán de Xerusalén. As súas armas levan, escudo axadrezado de vinte pezas, dez de prata e dez de azur. Outras traen, escudo axadrezado de quince pezas, oito de prata e sete de azur. Outra variante representa, escudo partido: a primeira partición, en campo de ouro, cun castelo de pedra sobre rochas da súa cor natural e un arcabuz de sable asomando pola torre de homenaxe; a segunda partición, en campo de prata, cunha banda de goles, cargada de tres flores de lis de ouro e acompañada de tres cabras de sable, dúas no alto e unha no baixo. Algunha variante, correspondente aos Alvarez Salgado, leva escudo partido: o primeiro, en campo de prata, tres faixas de goles, acompañada a do medio de catro armiños de sable, dous arriba e dous abaixo (que son os Álvarez); e o segundo, en campo de sinople, dúas torres sen ameas, de prata, pareadas e unidas por unha cadea de sable, superadas por unha aguia voante de ouro que apoia unha pata en cada torre (os Salgado). Para esta caste aínda se rexistra outro escudo partido: a primeira partición, cunha árbore de sinople e un lobo de sable, pasante ao pé e por detrás do tronco, sobre campo de ouro; a segunda partición, axadrezada de dezaoito pezas, nove de prata e nove de goles.