Álvarez Blanco, Rosario
Catedrática en Lingua Galega.
Membro da Comisión de Lingua do Consello da Cultura Galega e membro fundador do Instituto Rodrigues Lapa, pertence ao Comité Científico das revistas Verba e Cadernos da Lingua. Dende 1973 realiza o labor de investigación no Instituto da Lingua Galega (ILG), labor que compaxina coa actividade docente como profesora na Facultade de Filoloxía de Compostela. Participa en numerosos proxectos de investigación no eido da lingüística do idioma galego: Atlas Lingüístico Galego (dende 1974); Gramática descritiva da lingua galega (1995-1997); Gramática contrastiva do galego e do portugués (1996-1997), entre outros.
Colaborou na elaboración das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, proclamadas oficiais pola Xunta de Galicia en 1982. Entre as súas publicacións, en colaboración con outros autores, destacan: Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982, 1995 12ª edición revisada); Gramática Galega (premio Losada Diéguez de Investigación, 1986); Atlas Lingüístico Galego. Volume I: Morfoloxía Verbal (1990, premio da Crítica de Investigación 1991) e Atlas Lingüístico Galego. Volume II: Morfoloxía non verbal (1995).
No eido da tradución publicou, entre outras: Deuses, dragóns e heroes da mitoloxía china, Tao Tao Liu Sanders (1984); Deuses e heroes da mitoloxía grega, Michael Gibson (1985). É tamén autora dun gran corpus de artigos sobre gramática e lingüística galega en revistas especializadas (Verba, Cadernos da Lingua).
Recibiu a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (1994). Foi Vicerreitora de Profesorado na USC (1990-94), Directora do Departamento de Filoloxía Galega da USC(1995-99) e do Instituto da Lingua Galega (2005-13). Académica numeraria da Real Academia Galega (2003), dirixiu o Seminario de Gramática e formou parte da Executiva, como Tesoureira (2013). Foi Vicepresidenta do Consello da Cultura Galega (2010) e coordinadora da sección de Lingua, Literatura e Comunicación, á que pertence desde a creación. Actualmente (2018) é a Presidenta do Consello da Cultura Galega, sendo a primeira muller que ocupa este cargo.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra