Álvarez Blázquez, Emilio

Álvarez Blázquez, Emilio

Narrador, poeta e ensaísta encadrado na Xeración do 1936. Estudiou Maxisterio en Pontevedra e Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, estudios que tivo que interromper en 1936 por causa da guerra civil e o fusilamento do seu pai. Durante a súa etapa universitaria foi un dos fundadores da revista escolar Tude, dirixida por Xesús Ferro Couselo, co que tamén levou a cabo a organización da Exposición Regional de Arte Infantil, que non se chegou a celebrar pola sublevación do 36. En 1942 trasladouse a Vigo onde, dende 1947 e ata a súa morte, desempeñou o cargo de Chanceler do Consulado de Uruguai. Nos anos sesenta viaxou por distintos países de Latinoamérica como conferenciante. Impulsou múltiples iniciativas culturais como a fundación das editoriais galegas Castrelos -xunto aos seus irmáns Xosé María e Álvaro Álvarez Blázquez-, e a colección Salnés, da Editorial Galaxia, codirixida xunto a Celso Emilio Ferreiro e Francisco Fernández del Riego. Colaborou nas publicacións Galicia emigrante, Aturuxo, Nordés, Logos, Numen, Alba, Grial, etc, nas que asinou relatos, poemas e artigos de ensaio e crítica literaria, ás veces co pseudónimo Ronsel. Como poeta é autor de Poemas de ti e de min (1949) e O tempo desancorado (1988), onde lembra a súa nai María Blázquez. En castelán escribiu Romance del peón caminero (1963). Como autor teatral, de novo en colaboración co seu irmán Xosé María, escribiu a peza versificada Los pazos altivos, estreada en Gijón en 1947, El libro del por qué (1945) e El zapato de cristal. Autor do Epílogo Galeato da obra Teatro venatorio y coquinario gallego, peza emblemática da literatura cinexético-gastronómica, de José María Castroviejo e Álvaro Cunqueiro. O Centro Galego de Bos Aires concedeulle en 1964 o premio de Poesía Galega. Foi membro correspondente da Real Academia Galega dende 1957.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Tui

  • Deceso

    Lugar : Vigo