Álvarez Cáccamo, Alfonso

Álvarez Cáccamo, Alfonso

Cursou estudos de maxisterio, profesión que exerce no colexio de Panxón (Nigrán), ademais de se dedicar á literatura e ás artes plásticas, faceta na que se pode citar a súa participación nas exposicións colectivas da Praza da Princesa de Vigo (1972-1973). Colaborador habitual nos xornais galegos e distintas revistas (Faro de Vigo, La Voz de Galicia, A Nosa Terra, Xo!, etc), recibiu en 1991 o Premio Especial á Comunicación do Museo de Fene. Guionista do programa infantil da TVG Tarde Taina (1990-1991), é membro do Consello de redacción da revista satírica Xo!, e membro das Fundacións Álvaro Cunqueiro e Inés Ollero.

No tocante á súa actividade literaria comezou escribindo literatura infantil. En 1985 mereceu o primeiro premio do XVIII Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho por Historia de Fertolpo, publicado no volume colectivo E dixo o corvo... (1997), e en 1986 o segundo premio nese mesmo concurso por A sopa de pedra, ata o de agora inédito. Na narrativa para adultos é autor de Peito de vimbio (1988), Premio de Novela Café De catro a catro; As baleas de Eduardo Reinoso (1990), Premio Xerais de Novela; O Espírito de Broustenac (1996), coa que gañou o VIII Premio de Novela Manuel García Barros. Máis abundante é a súa produción no terreo do relato, onde destaca Catapulta (1985) e Contos Mamíferos (1998). En 1990 gañou o Concurso de Relatos Galaico-Leonés da Casa de Galicia en León, con “O derradeiro alcume”, publicado co resto das narracións premiadas nese mesmo ano. En 1992 dá a coñecer “Castromil e unha noite” (dentro da colección Contos do Castromil) e “O eco do Ramallón”. No ano 1993 obtén o premio de narrativa Álvaro Cunqueiro cos oito relatos agrupados baixo o título Xente de mala morte. Publicou ademais as súas narracións nas obras colectivas Sede Central-3 (1991), Voz e voto. Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro (1991), Unha liña no ceo. 58 narradores galegos (1996) ou Novo do trinque (1997). En poesía publicou  Na flor do vento (1999). Entra no eido da biografía co libro, dedicado á figura de seu pai, Xosé María Álvarez Blázquez (1994), do que ademais traduciu ao galego as novelas Na vila hai caras novas (1993) e Enchen as augas (1995). No 1996 prologou a reedición da obra do seu antepasado Xerardo Álvarez Gallego, Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda.

 

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo