Álvarez de Sotomayor y Zaragoza, Fernando

Álvarez de Sotomayor y Zaragoza, Fernando

Pintor. Foi o máximo expoñente pictórico do que se coñece como Rexionalismo artístico galego, pero tamén do español, xunto con pintores da categoría de Julio Romero de Torres, Zuloaga, Zubiairre, Anglada, Valle, todos eles influenciados polo coñecido Rexeneracionismo do 98 de corte romántico. En 1892 trasládase a Madrid para iniciar estudios de Dereito e Filosofía e Letras, alternándoos cos de Belas Artes na Real Academia de San Fernando. Ingresou tamén no taller de Manuel Domínguez, pintor de cadros de historia. No 1897 abandonou os estudios de Dereito para dedicarse integramente á pintura, que domina tecnicamente á perfección, o que lle vai permitir obter en 1899 polo seu cadro de contido histórico El anarquista y su familia el día de la ejecución, unha bolsa na Academia de Belas Artes de Roma. Este período de catro anos reforzará nel o seu amor polos clásicos renacentistas e pola mitoloxía, pero tamén lle servirá para viaxar e admirar a arte flamenga do século XVI, a Rubens, a Frans Hals e a Rembrandt, así como o Naturalismo e o Impresionismo francés. Toda esta formación provocará no pintor ferrolán unha postura artística radicalmente diferente da que posuían os seus coétaneos xeracionais, os que, afectados polo desastre do 98, estaban sumidos nunha visión negra de España, que só se podía rexenerar dende a meseta de Castela. Presenta fronte a esa visión negra unha pintura chea de cor, festiva, que recorda moito os grandes impresionistas, e só en contados casos, como no cadro de Los abuelos (1906), que recibiu a primeira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes, o pintor elude o seu cromatismo luminoso para presentarnos a parte pesimista do 98 coa expresión do drama social. Hai que subliñar tamén que ao contrario de moitos artistas, que co tempo van depurando as súas formas, Sotomayor nas súas primeiras obras pinta con soltura nunha mancha ampla e espontánea tal como o facía Sorolla, para derivar máis adiante cara a unha acentuación do debuxo, do detalle, de formas máis ríxidas. En 1904 volve a Madrid como recoñecido pintor, tanto nos círculos oficiais e académicos, coma na alta sociedade española. Neste mesmo ano preséntase á Exposición Nacional de Belas Artes co seu cadro mitolóxico na liña de Rubens Orfeo perseguido por las bacantes, co que obtén a segunda medalla. En 1905 trasládase a Galicia co motivo da celebración da voda do seu irmán, redescubrindo a súa terra natal que se converterá no seu tema favorito ao encontrar nela un escenario que recrea a súa pintura colorista nas xentes e costumes de Galicia, que fixo del o pintor rexionalista por antonomasia, recreando unha terra illada e pura ao xeito dos románticos do século pasado. A Galicia que nos presenta Sotomayor é un lirizado mergullo nas festas e romarías, nos mercados, no mundo mariñeiro, nas vodas e procesións, que na distancia se relacionan coa pintura holandesa e a luminosidade interior das cores, observándose tamén ao mesmo tempo o preimpresionismo de Velázquez. En 1908 foi contratado para impartir clases de composición e colorido na Escola Superior de Belas Artes de Santiago de Chile, onde fixo un labor de gran trascendencia se seguimos os apuntamentos do seu cronista e primeiro admirador, o marqués de Lozoya, quen lle atribúe a formación dunha escola de pintura coñecida como Xeración de 1913 ou Xeración do Centenario, que reintegrou a pintura de estirpe hispánica en Chile fronte á influencia de patróns franceses. O nomeamento de Sotomayor en 1911 como director da Escola, permítelle desenvolver un impresionante labor docente, no que agrupa a moitos artistas novos coa súa influencia e orientación. Ao mesmo tempo segue traballando no seu estudo e realiza numerosos encargos para a alta sociedade chilena, destacando, entre outras obras, o Retrato del pintor Heslby (1911), exposto no Museo Nacional de Santiago de Chile e Hermana (1912). En 1946, terá a satisfacción de ver os froitos deses seis anos de traballo ao organizarse a exposición A pintura chilena no tempo de Sotomayor, na que se reuniron obras de Plaza, Los Lobos, Gordon, Ismitt ou Guevara, entre outros. Regresou a España (1915) e converteuse, xunto con Mariano Benlliure e Manuel Benedito, en retratista oficial da Familia Real, realizando obras das que podemos destacar o retrato de corpo enteiro de Afonso XIII (1920). O seu traballo exitoso como retratista, dálle o recoñecemento como pintor, abrindo un estudo na Praza de Cánovas del Castillo que se converterá nun lugar de encontro da aristocracia española. Iniciados os primeiros movementos de vangarda en Europa aos que o pintor ferrolán seguía de costas, foi nomeado subdirector-conservador do Museo do Prado (1919) e máis tarde director, trala morte de Aureliano de Beruete (1922). Neste mesmo ano foi elixido membro de número da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, da que será director entre 1953 e 1955. Como director do museo permaneceu ata a chegada da II República, renunciando ao seu cargo polos seus ideais políticos, claramente monárquicos. Nesta primeira etapa, e coa axuda do historiador Javier Sánchez-Cantón, subdirector-conservador xefe, reorganizan as coleccións e inician unha política de adquisición de obras para encher espacios baleiros na colección do Prado. En 1939 retomou o seu cargo de director que xa non abandonaría ata a súa morte; contribuíu á mellora xeral das dependencias e organizou a primeira exposición antolóxica de Goya (1928) coincidindo co centenario da morte do pintor aragonés, pero sen dúbida o seu traballo máis importante foi a recuperación das pezas que saíron do museo, sendo director o mesmo Pablo Picasso, durante a contenda civil española e trasladadas fóra de España dende València ata Xenebra. Alternando co seu labor de director, segue pintando e expoñendo en múltiples sitios, como na Galería Witcomb de Bos Aires (1940), na importante exposición de arte española realizada en Berlín na que participa con Manuel Benedito (1942). En 1945 organízaselle unha exposición antolóxica no Museo de Arte Moderno, así como unha retrospectiva no Museo de Belas Artes de Santiago de Chile. En 1947 comisaría a exposición Arte Moderna Española celebrada no Museo Nacional de Belas Artes de Bos Aires, encargándolle ao Estado español o retrato do Presidente da República Arxentina e da súa muller, Eva Perón. Recibiu o Premio de Pintura March (1956) polo conxunto da súa carreira.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ferrol

  • Deceso

    Lugar : Madrid