Álvarez de Villasandino, Alfonso
Poeta de transición entre a escola galaico-portuguesa e a poesía alegórico-dantesca italianizante. A súa vida e produción literaria esténdese ao longo dos reinados de Enrique II, Xoán I, Enrique III e Xoán II. Ligado dende sempre á Corte, acompañou a Fernando de Antequera cando se coroou como Fernando I de Aragón en Zaragoza no ano 1414. Empregou a poesía como medio de subsistencia, elaborando pezas en loanza dos seus protectores e mecenas (Álvaro de Luna, Fernando de Antequera ou Xoán II, entre outros). Tamén a vea satírica deixou bos exemplos na súa produción, como os ataques a Garci Fernández de Gerena, quen renegou da fe cristiá polo amor dunha moura. Os últimos estudios realizados sobre a súa obra distinguen dúas etapas poéticas, coincidentes coa evolución lingüística e literaria que se vive nesta época de transición (finais s XIV - comezos s XV), e que son resultado da convivencia e confrontación entre dúas concepcións distintas da poesía: na primeira fase, na que emprega maioritariamente o galego, defende e segue cultivando os vellos postulados trobadorescos; na segunda, cede ante as novas tendencias humanistas de carácter italianizante, sendo o castelán a lingua utilizada. Con duascentas oito composicións, é o poeta máis numeroso do Cancionero de Baena, motivo polo que se chegou a identificar cun cancioneiro de autor. Desas composicións, algo máis dunha vintena están escritas en lingua galega ou máis ben nunha lingua híbrida galego-castelá, característica identificadora da denominada escola galego-castelá, da que é o máximo representante. Á parte da poesía de circunstancias, de carácter laudatorio e exclusivamente en castelán, compuxo sobre todo cantigas de amor ao modo da vella escola trobadoresca, retomando temas, expresións e recursos repetitivos (dobre, mordobre, leixaprén, etc); cantigas, cancións de escarnio, prantos e loas á Nai de Deus. Algunhas das composicións máis coñecidas son “De grant cuita sofridor”, “Desseoso con desseo” ou “Andando cuidando en meu ben, cuidé”.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Villasandino, Castela -
Deceso