Álvarez Domínguez, Bautista Goyel

Álvarez Domínguez, Bautista Goyel

Político. Despois dos seus primeiros estudos no Seminario de Ourense, marchou a Madrid a cumprir o servizo militar. Na capital do Estado matricúlase na Universidade para estudar filosofía. Alí entra en contacto con Bernardino Graña, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Lorenzo, Alexandre Cribeiro, César Arias, Reimundo Patiño e outros, cos que forma en 1958 o grupo Brais Pinto. Dende esta plataforma, que pretendía artellar unha alternativa ao piñeirismo cun maior grao de compromiso político, traballa en Madrid nos Seminarios de Cultura Galega do Centro Galego e do Club de Amigos de la UNESCO. En novembro de 1963 varios integrantes de Brais Pinto, entre os que se atopa, fundan unha organización política, a Unión do Pobo Galego (UPG), que se confirma nunha xuntanza celebrada en Santiago o 25 de xullo de 1964. A UPG vai ser a organización en que van confluír galeguismo e marxismo-leninismo. Nela Bautista Álvarez ocupou dende a súa fundación un posto no Comité Central. Na loita antifranquista estableceu contactos en nome da UPG con forzas doutras comunidades do Estado, coma o Partit Socialista d’Alliberament Nacional dels Països Cataláns (PSAN), Euskadi ta Askatasuna (ETA) e doutros países de Europa, coma os portugueses Partido Revolucionário do Proletariado (PRP). Liga de União e Acção Revolucionária (LUAR) e Movemento das Forças Armadas (MFA), a UDB bretona, ou os irlandeses Sinn Féin e Irish Republican Army (IRA), polo que detido en varias ocasións.

En 1977 accedeu á presidencia da UPG. Nas eleccións do 20 de outubro de 1981 resultou elixido deputado no primeiro Parlamento de Galicia (1981-1985), integrando as listas da coalición Bloque Nacional Popular Galego-Partido Socialista Galego. Volve ao Parlamento na terceira lexislatura (1990-1993), como membro do Bloque Nacionalista Galego, e conserva o seu escano na cuarta (1993-1997) e na quinta (1997), nas que ocupa a vicesecretaría e a vicepresidencia 2ª da Mesa do Parlamento, respectivamente.

En 2004, na celebración do 40 aniversario da constitución da UPG, o partido promove a constitución da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, que pasa a presidir ata o seu falecemento en 2017.  

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Loucía, O Carballiño

  • Falecemento

    Lugar : Beariz