Álvarez Giménez, Edelmiro
Fotógrafo profesional. Máis coñecido como Delmi Álvarez. Traballou dende o ano 1983 nos xornais La Región e A Nosa Terra, e a partir de 1984 no periódico El País, en Madrid. Anos máis tarde, participaría tamén como fotoxornalista no Diario de Galicia, na axencia Cover, tamén en Madrid, en El Mundo de Galicia e en El Ideal Gallego.
Deu conferencias ao longo de todos estes anos en numerosos institutos de Galicia, na Universidade de Santiago de Compostela, na de Vigo e na facultade de ciencias sociais da Universitat de Barcelona. Así mesmo, participou na I e II Fotobienal de Vigo e en numerosas exposicións individuais e colectivas por toda Galicia, España e Portugal. Viaxou por todo o mundo (Canadá, EE UU, México, Nicaragua, Cuba, Venezuela, O Brasil, Arxentina, Francia, Gran Bretaña, etc) co fin de realizar fotografías e recoller información para o ensaio Galegos na Diáspora.
Publicou Reporteiro de guerra en Yugoslavia (Vigo, 1993) e participou en numerosas revistas e catálogos de fotografía, como Fotoxornalismo Galego Hoxe (A Coruña, 1985), Ollares no Tempo (A Coruña, 1985), O Mar (Vigo, 1985), Vigo-Porto (Vigo, 1986), Traballadoras (Vigo, 1990), Outono Fotográfico (Ourense, 1992) e Cuaderno de trabajo de Intermón (Barcelona, 1997). No ano 1997 o Concello de Vigo dedicoulle unha retrospectiva na Casa das Artes titulada Delmi Álvarez, 1983-1997. Entre 2003 e 2016 documenta o movemento migratorio das persoas que se desprazan a Europa no proxecto Transmigrants presentado ao público como un proxecto educativo e documental para o estudo das vindeiras xeracións. Seguindo a súa traxectoria nos proxectos etnográficos e antropolóxicos, filmou os himba de Namibia no documental Himbas, struggle for survive, que nunca se chegou a emitir.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vigo