Álvarez Giménez, Emilio

Álvarez Giménez, Emilio

Escritor. Catedrático de Ensino Secundario no Instituto de Pontevedra, cidade na que permaneceu ata a súa morte ocupando diversos cargos de responsabilidade como a dirección do Instituto, a vicepresidencia da Deputación ou a presidencia da Sociedade Económica. Participou na vida cultural e política da cidade, colaborando nos xornais pontevedreses Galicia Humorística, El Iris, El Eco de Pontevedra, Crónica de Pontevedra, entre outros e dirixindo outros como El Ditamen, La Paz, El Alerta, El Fénix e El Eco de Tambo. Membro correspondente da Academia da Historia e, como militante nas filas liberais, integrante do Comité Revolucionario de Pontevedra en 1868. Na literatura galega considérase o iniciador dunha gran familia dedicada ás letras á que pertencen os Álvarez Limeses, Álvarez Gallego, Álvarez Negreira, Álvarez Gándara, Álvarez Blázquez e Álvarez Cáccamo. En galego escribiu a obra teatral de tema histórico Mari-Castaña, Drama hestórico nun auto y en verso, texto tamén subtitulado Unha revolta popular e que será editada en 1984 por Xosé María Álvarez Blázquez nos Cadernos da Escola Dramática Galega. Trátase da primeira obra de carácter histórico da nosa literatura dramática e recrea a figura da fidalga luguesa que promoveu, co seu home e fillos, a célebre revolta contra o Bispo da diócese, Pedro López de Aguiar. A súa dedicación ao teatro continuou cunha ampla obra en castelán, entre a que se poden citar os seguintes títulos, editados ou representados: Blas el armero (1855); Payo Gómez Chariño (1867); El manojo de espigas (1878), premiado no Certame Literario de Lugo; A bordo de la Numancia; En la piedra de toque (1878); Judit o la heroína de Betulia (1906); A rajatabla (1908), entre outras moitas. É autor tamén do Estudio sobre las faltas del lenguaje que se cometen en Galicia (1870), reeditado e ampliado en 1872 co título Los defectos del lenguaje en Galicia, y en la provincia de León. Estudio gramatical basado en la doctrina de la Academia y en el uso de los buenos escritores; da Biografía de Fray Martín Sarmiento y noticia de sus obras (1884); do manual Literatura Preceptiva o Retórica y Poética e do Refranero agrícola y metereológico gallego (1904). No eido da poesía publicou o poemario Humildes (1900).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Puebla de Sanabria

  • Deceso

    Lugar : Pontevedra