Álvarez Gómez, Santiago

Álvarez Gómez, Santiago

Fundador do Partido Comunista de Galicia. Nado nunha familia labrega, dedicou toda a súa vida á actividade política, na que comezou aos catorce anos, ao participar na sega en Castela e ter as súas primeiras experiencias na conflitividade campesiña. No mesmo ano en que se afiliou ao Partido Comunista de España (1931), foi elixido Secretario Xeral do primeiro sindicato de labregos de Vilamartín, organización adscrita á Federación de Traballadores da Terra da UXT que, canda outras organizacións similares, será o xermolo da Federación Campesiña Provincial. Froito da súa actividade política e sindical e como consecuencia da represión da Revolución de Outubro de 1934 na comarca de Valdeorras, sufriu a súa primeira detención.

Na época da Fronte Popular intensificou a súa actividade política acudindo por vez primeira a un Comité Central do seu partido. Tomou parte na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936. O alzamento militar sorprendeuno realizando un curso de formación marxista organizado polo PCE. Durante a Guerra Civil española desempeñou o cargo de Comisario Político polo que se encargou do batallón das milicias galegas e articulou o Partido Comunista na súa vila natal. Ocupou tamén ese posto na XI División e no V Corpo do Exército, sempre ao carón de Enrique Líster. A partir de 1939, viviu exiliado en Francia, República Dominicana e Cuba e cando regresou a España de xeito clandestino, en 1944, foi detido e condenado a morte: só unha campaña internacional contra o seu fusilamento e o do seu camarada Sebastián Zapiraín conseguiron conmutar a pena capital pola de 30 anos de cadea, dos que cumpriu dez, no transcurso dos cales estudou historia e literatura españolas. Ao saír vencellouse outra vez ao  Partido Comunista ata a súa expulsión de España. Pouco despois, no V Congreso do PCE en Praga, foi elixido membro do Comité Central. Tras acceder ao Comité Executivo do PCE no VI Congreso (1960), insistiu na necesidade da creación do Partido Comunista de Galicia que acadou en 1968, partido do que ocupou a súa Secretaría Xeral ata o ano 1978.

En 1975 regresou clandestinamente ao país e foi detido xunto a outros líderes comunistas. Tras a legalización do PCE en abril de 1977 tomou parte na campaña das eleccións a Cortes Constituíntes, pero non obtivo escano. No III Congreso do PCG abandonou a Secretaría Xeral. Posteriormente, foi director da Comisión Agraria. Estivo en activo ata 1990 e a partir desta data dedícase a colaborar en xornais e a realizar investigacións sobre cuestións agrarias e problemas históricos de Galicia.

A súa produción comprende unha gran cantidade de artigos, colaboracións en obras colectivas e ensaios sobre temas políticos e históricos. En galego publicou os traballos, Unha alternativa democrática para Galicia e Ensaio encol do problema nacional galego (1976). Entre as súas obras en castelán pódense citar El Estado y las nacionalidades (1977); Qué es el PCG? (1977); Galicia, nacionalidad histórica (1980), Castelao y nosotros los comunistas (1984), Ensayos histórico-políticos (1990) ou Historia política y militar de las Brigadas Internacionales (1996), ademais de varios libros de memorias, como Memorias I. Recuerdos de infancia y juventud (1985); Memorias II. Guerra civil (1986); Memorias III. La Segunda Guerra Mundial (1988); Memorias IV. Más fuertes que la tortura y la pena de muerte (1990); Memorias V. La larga marcha de una lucha sin cuartel (1994) e Memorias VI. Largos años de lucha por la libertad (1962-1983) (1997).

 

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : San Miguel de Outeiro, Vilamartín de Valdeorras

  • Falecemento

    Lugar : Madrid