Álvarez González, Benigno

Álvarez González, Benigno

Líder comunista. O maior de nove irmáns dunha familia de clase media, fixo os seus estudios primarios entre a súa vila natal e a cidade de Ourense, para pasar a continuación ao Instituto de Santiago de Compostela, localidade na que tamén cursou veterinaria, profesión que comezaría a exercer en Maceda. Descoñécese a data de inicio do seu compromiso político, pero parece que a súa primeira detención data de 1930. A época con máis repercusión pública da súa actividade política, ligada á súa militancia no Partido Comunista de España, corresponde aos anos da Segunda República, cando foi nomeado Secretario Provincial do PCE na cidade de Ourense, localidade á que trasladará a súa residencia para se dedicar integramente á política. A proxección das súas actividades dende este posto permitíronlle resultar elixido membro do Comité Central do PCE no seu IV Congreso, celebrado en Sevilla en abril de 1932. Nas eleccións de 1933 os comunistas presentaron na circunscrición de Ourense unha candidatura de fronte única, na liña da política que a Internacional Comunista estaba a desenvolver daquela. Benigno Álvarez figuraba nesta lista, pero obtivo uns cativos resultados. A viraxe frontepopulista do Komitern foi a razón pola que os comunistas aceptaron figurar nas listas conxuntas para as eleccións de febreiro de 1936. Benigno Álvarez foi incluído na lista da Fronte Popular pola circunscrición de Ourense, que encabezaba Alexandre Bóveda. Álvarez non acadou acta de deputado, sen embargo, acudiu a Madrid en maio de 1936 para asistir como compromisario do partido na elección de Manuel Azaña como Presidente da República. Testemuñas indirectas contan que tanto no congreso do PCE de abril de 1932 coma neste acto de Madrid, Benigno Álvarez expresouse publicamente en galego, sendo este dato mantido como proba de que foi un dos dirixentes que máis presión fixo para que o PCE accedese á formación do Partido Comunista de Galicia, aínda que non existe ata o de agora ningunha constancia documental deste feito. En abril de 1936 Benigno Álvarez foi elixido Presidente da Federación Campesiña Provincial que os comunistas promoveran en Ourense. Cando se produciu o alzamento militar do 18 de xullo de 1936, Benigno Álvarez refuxiouse nos montes de Maceda. Ofreceuse unha recompensa de 10.000 pesetas a quen o entregase, vivo ou morto. Morreu asasinado polos falanxistas o mesmo que varios membros da súa familia. Coñécense algúns artigos saídos da pluma de Benigno Álvarez na prensa local de Ourense e en Mundo Obrero, voceiro do PCE, no que atopamos o escrito “En Galicia: Situación general del campesinado pobre y medio”, publicado o 21 de xaneiro de 1932, e no que analiza as condicións de vida e de traballo dos labregos galegos nos anos da Segunda República.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Maceda

  • Deceso