Álvarez Núñez, Sabela

Álvarez Núñez, Sabela

Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, traballa como profesora de Lingua e Literatura Galegas. Ata 1994 pertenceu ao Colectivo de Feministas Independentes Galegas (FIGA) e foi unha das promotoras da revista deste colectivo A festa da palabra silenciada. Colaborou en diferentes xornais e revistas con comentarios enfocados dende a ideoloxía feminista e artigos de crítica literaria, boa parte deles centrados na literatura infantil e xuvenil, eido en que tamén destaca como estudosa de temas relacionados co sexismo e coa coeducación, ademais de creadora. Entre os seus títulos cóntanse O rei da nada e outros contos (1988), volume en que se inclúe “O rei da nada”, co que acadou o primeiro premio do concurso de Contos Infantís O Facho (1979), e “A cova da serpe”, co que obtivo o segundo premio en 1980 nese mesmo concurso. Ademais con O rei da nada e outros contos foi finalista do Premio Nacional de Literatura Xuvenil 1989. É autora tamén de A nena invisible. Nubes brancas (1991) e participou cos seus contos nos volumes colectivos Folerpas (1987), Meniños (1991), Catro contos de reis (1991), Novos contos para nenos (1994) e Adiviñas para xogar (2000). En colaboración con Xosé Xove traduciu do catalán ao galego varios contos infantís populares publicados na colección infantil La Galera, da Editorial Galaxia: O coelliño (1978), O tesouro do rei Mouro (1979), O cesto das cereixas (1979), O dragón (1979), Os tres desexos (1980), Os chícharos maravillosos (1980) e O frade pequeno (1988). Participou tamén, como coautora, na realización de libros de texto e propostas didácticas para a área de lingua e literatura galega da ESO.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Lugo