Álvarez Rodríguez, Basilio

Álvarez Rodríguez, Basilio

Sacerdote e líder agrarista. Estudiou o bacharelato en Ourense. Posteriormente ingresou no Seminario Conciliar de San Fernando, onde foi ordenado sacerdote. Pouco despois principiou unha intensa actividade pública, colaborando en múltiples xornais como La Nueva Época, El Eco de Orense ou La Galerna. Foi alentador do ourensán Círculo Católico de Obreiros. Exerceu por primeira vez como abade rural en Parada de Laviote (O Irixo) onde no 1904 escribiu o seu primeiro folleto independente El cura rural. No 1907 marchou a Madrid para se establecer como capelán do marqués de Urquijo. Alí vencellouse aos círculos galeguistas, colaborando nas actividades do Centro Galego e coa revista Galicia, que dirixiu a partir do 1908. Publicou unha colección de contos titulados Por los agros celtas (1907). Xunto con Alfredo Vicenti, Manuel Portela Valladares, Luís Antón de Olmet, Prudencio Canitrot e outros fundou o movemento Acción Gallega, que dende 1910 levou a cabo unha intensa actividade propagandística, coa edición da revista homónima. Publicou os volumes Hablando con los santos (1909) e El libro del periodista (1912), e participou na fundación do diario católico El Debate, que abandonou no 1912 para voltar a Galicia como párroco de Beiro. Comezou a colaborar con El Heraldo Gallego e asinou cun grupo de artistas e intelectuais o Manifesto da Liga de Acción Gallega. No 1913 viaxou a Cuba, onde coñeceu a Ramón Cabanillas, a quen lle prologou o poemario No desterro (1913); froito desta mesma viaxe é o volume autobiográfico Abriendo el surco (1913). De volta a Galicia escribiu A Virxe e a paisanaxe (1914), colección de cantares recolleitos do pobo. O seu radicalismo ideolóxico valeulle as chamadas á orde do Bispo de Ourense, quen o expulsou da parroquia de Beiro a finais do 1914 suspendéndoo a divinis. Máis tarde licenciouse en Dereito nas universidades de Madrid e Murcia, dedicándose a partir dese momento a tarefas xurídicas, ao xornalismo e ao activismo político. Fundou El Parlamentario en Madrid, La Raza en Ourense e o diario agrarista La Zarpa. No 1928 foi nomeado Fillo Predilecto de Ourense. No 1931 acadou acta de deputado polo Partido Radical nas Cortes Constituíntes da Segunda República, sendo reelixido no 1933. Publicou Dos años de agitación política (1933), onde recolle as súas intervencións parlamentarias. Principiada a Guerra Civil Española (xullo 1936) decidiu emigrar a Arxentina, onde publicou España en crisol (1937). Posteriormente viaxou a Cuba (1938). No 1943 morría no hospital de Tampa, no estado de Florida (EE UU), despois de vivir case na pobreza durante os últimos anos.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ourense

  • Deceso

    Lugar : Tampa, Florida