Alxer
Capital de Alxeria, situada ao lado dunha badía semicircular, no Mediterráneo (2.168.000 h [1995]. Atópase sobre a chaira litoral comprendida entre o Mediterráneo e o macizo de Bouzreá, e os outeiros do Sahel. O vello Alxer turco álzase sobre unha acrópole dominada Casbah ou cidade vella. As casas, de teito plano e forma cúbica, son case todas de construción anterior ao ano 1870. Os barrios novos de tipo europeo xurdiron a un e outro lado deste núcleo. Centro dunha importante comarca vitícola, a cidade ten gran parte da súa actividade económica ligada á viticultura. É o principal centro industrial de Alxeria. O porto de Alxer é o máis importante do país. Capital política e administrativa, é o centro de ensino superior: Universidade de Alxer. É nó de comunicación cara a Túnez, Orán e Constantina. Ten un aeroporto internacional. Fundada no s X polos bérberes no lugar da romana Icosium, cara ao 980 converteuse nun centro comercial moi activo. No 1494 o Papa Alexandre VI concedeu aos aragoneses o dereito de conquistar Alxer. No s XV a cidade converteuse en refuxio dos mouriscos expulsados da Península Ibérica. Dende entón, e especialmente a partir da ocupación de Barbarrubia (1516), converteuse nun dos principais focos da piratería. A Paz de Alxer asinada no 1786 abriu o Mediterráneo ao comercio coa península. Conquistada polos franceses no 1830, Alxer, capital da colonia de Alxeria, converteuse a partir do 1880 nun gran porto e centro financeiro. Durante a Segunda Guerra Mundial foi Cuartel Xeneral das forzas aliadas no N de África, e nos anos 1943 e 1944, sede do Comité Francés de Liberación Nacional. Da antiga cidade romana quedan poucos vestixios, algúns dos cales se conservan no Museo Stephan-Gsell. A cidade musulmá histórica que hoxe remanece, co recinto fortificado da Casbah, é do período de dominación turca. A gran mesquita de Alxer (1096), o monumento máis sobranceiro, é un edificio almorábide. Os outros edificios relixiosos son posteriores ao s XVI. Posúe tamén numerosos palacios, algúns convertidos en edificios públicos. Hai diversos centros de cultura: Museo das Belas Artes, o Marc-Riant e o do Bardo. No 1931, Le Corbusier artellou o planeamento de ordenación urbana da cidade.