Alxeria

Alxeria
Nome científico: [nome oficial: República de Alxeria Democrática e Popular; ár: Al-Jumhūrīya al Jāza’īrya ad-dīmūqrātīya al-sha’ bīya]

Estado de África setentrional que limita ao N co mar Mediterráneo, ao L con Tunicia e Libia, ao S con Mali e Níxer e ao O con Mauritania e Marrocos (2.381.741 km2; 29.476.000 h [estim 1997]). A capital é Alxer.
Xeografía física
Alxeria está situada na rexión de unión do zócolo ríxido de África e das montañas terciarias do Atlas. Dende o Mediterráneo ata o Sáhara sucédense tres grandes zonas, o tell, a estepa e o deserto, subdivididas nun mosaico de rexións xeográficas. O tell é un conxunto de chairas, outeiros e montañas de clima mediterráneo, onde a chuvia permite a agricultura sen irrigación. Ao O do meridiano de Alxer, o tell marítimo é a rexión vital de Alxeria e a máis transformada pola colonización. O monte Aurés, ao S (2.329 m de alt) separa o tell da estepa. A estepa, principalmente un espartal de Stipa Tenacissima, de clima subárido (400-200 mm de media anual de chuvia), cobre o altiplano, que se inclina dende a fronteira marroquina (1.200 m) ata a depresión de Chott el-Hodna (400 m) e o Atlas Sahariano, que chega a 2.000 m e recibe as últimas chuvias. Ao S da estepa, que acaba en bisel cara ao L, comeza o Sáhara que ocupa o 80% do país.
Xeografía económica
Malia as precarias condicións naturais, a agricultura é unha actividade fundamental que ocupa o 25% dos activos e se concentra no sector do tell, xa que a maior parte do territorio alxeriano é improdutivo. A principal produción agrícola de Alxeria é o cereal, concretamente trigo e cebada, aínda que normalmente se dedica ao autoconsumo e ten pouca saída comercial. Neste sentido é máis importante a vide. Outros cultivos importantes son a oliveira, os cítricos e o tabaco. As actividades gandeiras céntranse na gandería ovina e ten forte importancia o cabrún. Existe certa explotación dos recursos forestais e pesqueiros. A minería é unha parte fundamental da economía alxeriana. Hai importantes reservas de petróleo, gas natural, e en menor medida, ferro, fosfatos, cinc, antimonio, tunsteno, magnesio, mercurio, cobre e sal. A maior parte destes depósitos minerais concéntranse no Sáhara. O petróleo (a extracción anual é duns 30 millóns de toneladas) e gas natural constitúen case a totalidade da exportación estatal, aínda que, de feito, a súa explotación non chega a ocupar nin o 2% dos activos. O petróleo que comezou a explotarse en 1955, transpórtase mediante oleodutos ou por ferrocarril. Entre as zonas mineiras cómpre destacar o Hoggar onde hai xacementos de ferro, manganeso, uranio, prata e diamantes; hai petróleo en Hassi R’ M, Messaoud, Edjelé, Tiguentourine e Gassi; gas natural sobre todo en Hassi R’ M. Abundantes xacementos de ferro gradúanse dende o tell occidental ata as planicies de Constantina, entre os que destaca Djebel Ouenza. Djebel Elounk é o xacemento de fosfatos máis grande do mundo. A industria tradicional está moi pouco desenvolvida, pero a chegada do petróleo ao litoral e a instalación de redes de gas natural activaron a industrialización, isto non obstante, padece a falla de capital e de técnicos, agudizado pola saída dos franceses. Destacan as industrias alimentarias, de cemento, de tecidos, de maquinaria e material de transporte. Promoveuse tamén a industria pesada. As fontes principais de enerxía derivan do petróleo e do gas natural e ultimamente comezouse a explotar a enerxía nuclear. O transporte de pasaxeiros cunha infraestrutura insuficiente realízase máis en avión que en tren. As estradas son herdanzas da colonización francesa, mentres que as actuais realizacións se concentran no Sáhara. Os portos marítimos máis importantes son os de Alxer, Annaba, Anziw, Bugia e Skikda. Hai cinco gaseodutos e diversos aeroportos (destacan o de Orán e Alxer). A actividade turística está en rápido crecemento e recíbense uns 350.000 turistas ao ano. A costa, o deserto e o Atlas son os atractivos máis importantes. As exportacións (o 98% de hidrocarburos) superan no que atinxen a valor das importacións, que basicamente consisten en equipamento industrial e produtos alimenticios. As relacións comerciais establécense fundamentalmente con Francia, Alemaña, os EE UU e Italia. Alxeria é un dos países do continente africano máis ricos e avanzados. Dende 1830 a 1961 foi colonia de Francia e seguiu as premisas económicas marcadas pola metrópole que, sobre todo nos últimos anos, se centrou na explotación do petróleo. O crecemento económico do final dos anos cincuenta adiouse coa independencia, xa que á fuxida de case un millón de persoas de orixe europea (normalmente técnicos e cadros directivos), engadiuse o abandono das terras por parte dos colonos e o proceso nacionalizador (empresas, banca, industria) que emprendeu un goberno ao que movía un espírito revolucionario. Foi un período de inflación, de desorde que se tentou superar cos plans de desenvolvemento posteriores. Actualmente as directrices económicas intentan diminuír a dependencia do exterior na alimentación e tentan diversificar a produción interna co fin de non depender tanto dos hidrocarburos. Alxeria quedou libre en 1998 da tutela do Fondo Monetario Internacional, con quen asinara no 1994 un contrato-ponte, seguido en 1995 doutro contrato denominado de “facilidade de financiación ampliada” de tres anos de duración; así mesmo, subscribira co Club de París e co Club de Londres acordos que lle facilitaban a devolución gradual da súa débeda de 16.000 millóns de dólares. No 1998, segundo o seu presidente, Ahmed Uiahía, restablecérase o equilibrio económico e aumentaran as reservas fiduciarias. Así mesmo, os investimentos estranxeiros manifestaron un renovado interese polo país, principalmente pola súa produción enerxética. As reformas económicas, engadidas á privatización de cada vez máis empresas e o desemprego xuvenil (70%) dun total de 2,3 millóns de desempregados, están a producir desequilibrios sociais entre unhas capas da poboación cada vez máis empobrecidas fronte a unha minoría de poderosos que fan ostentación da súa riqueza adquirida rapidamente grazas á liberalización salvaxe que sucedeu á economía planificada das épocas Bumedien e Chadli.
Xeografía humana
No momento da independencia (1962) Alxeria tiña 10 millóns de habitantes, o 10% eran de orixe europea. Aínda que a maioría dos europeos deixaron o país, a perda foi cuantitativamente compensada polo retorno de alxerianos que traballaban en Francia e noutros estados europeos. En 1995 a poboación caracterizábase pola elevada natalidade (29‰) e a baixa mortalidade (6,1‰), producíndose un incremento constante da poboación. A maior parte da poboación concéntrase no tell, mentres que nas estepas e no deserto a densidade é moi baixa. A poboación urbana é o 55,8% do total en 1995. Os grupos étnicos máis importantes que compoñen a poboación alxeriana son os árabes (83% da poboación) e os bérberes (17%). A lingua oficial é o árabe; o francés conserva a súa importancia como lingua de comercio e cultura e o bérber é unha lingua falada que comeza a recuperar o prestixio que a forte arabización lle negara. A gran maioría da poboación (99,5%) é de relixión musulmá (sunnita). O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1995 situaba a Alxeria entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o posto 82 cun índice 0,746). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacemento é de 68,1 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 61,6% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 66%; e o PIB real por habitante (PPA) é de 5.618$. O ensino, obrigatorio dende os 6 aos 15 anos, está unificado e é público; no 1987 contaba con oito universidades. En xaneiro de 1992 un Golpe de Estado deixou en suspenso a Constitución (enmendada no 1979, 1988 e 1989) e as institucións democráticas; declarouse o estado de excepción e instaurouse un novo réxime dirixido polo nomeado Alto Consello de Estado, formado por cinco membros, que designa ao Presidente do Estado e aproba os membros do Consello de Ministros. En abril do 1992, para reemprazar a suspendida Asemblea Nacional, creouse o Consello Consultivo Nacional, formado por sesenta membros. Unha Asemblea pluralista de 380 membros foi elixida o 5 de xuño de 1997 (o máis votado foi o Reagrupamento Nacional Democrático) e un Consello da Nación de 144 membros culminou en decembro de 1998 o novo conxunto institucional do país. É membro da ONU, da Liga árabe e da OUA.
Historia
A prehistoria do actual territorio de Alxeria corresponde a dúas zonas moi diferentes que teñen, cada unha, personalidade propia: dunha banda, ao N, está o Magreb e doutra, ao S, o Sáhara. Hai vestixios de poboación dende o Paleolítico inferior. As primeiras noticias que nos chegaron do territorio, débense aos establecementos fenicios do litoral. Entre o s VIII ao s III a C foron creadas as primeiras organizacións estatais e a maior parte do territorio pertencía ao Reino de Numidia. Na época romana, Alxeria foi dividida entre as provincias de Numidia ao L, e Mauritania ao O. Invadida polos vándalos, foi logo dominada en parte polos bizantinos. Ao final do s VII a conquista musulmá vigoriza a zona con influencias árabes. Como antes fixeran os fenicios, os árabes incorporaron á súa cultura boa parte das tribos bérberes. Principiando o s XIII, cando xa se iniciaba o afundimento do Califato almohade, as tribos abdalwaditas fixéronse co poder constituíndo un estado independente, que mantivo boas relacións cos reinos cristiáns mediterráneos. Os portos alxerianos eran centros comerciais importantes, sobre todo Orán e Tilimsen. A finais do s XV, o poder político árabe da Península Ibérica quedou destruído e os reinos cristiáns de Europa occidental comezaron a presionar intensamente contra os decadentes centros políticos árabes do N de África. Durante os reinados de Fernado II de Aragón e do Emperador Carlos V, emprendeuse a conquista das principais prazas norteafricanas (Alxer, Orán, Timlisen e outras), que se consideraron incorporadas á coroa aragonesa, pérdendose as súas conquistas no 1541. Os señores árabes locais aliáronse co Imperio Otomano acadando seguridade fronte á ameaza europea a cambio da dependencia verbo do Imperio. Baixo o dominio turco, a chamada Rexencia de Alxer (creada no 1518) abranguía aproximadamente os mesmos límites territoriais ca actual Alxeria, converténdose durante os seguintes séculos nun importante foco de piratería. Francia ocupou en xuño de 1830 a cidade de Alxer; con esta expedición, nun principio unha simple operación de castigo, principiou a conquista do territorio, dominado por completo en 1875. No 1848, Alxeria foi declarada territorio francés creándose os departamentos de Alxer, Orán e Constantina. Dende 1830 xa comezara a chegada de colonos (ós que se lle deu o nome de pieds-noirs, ‘pés negros’). O groso destes colonos, nomeados despectivamente pauvres héres, estaba formado por xente sen recursos que saíran do seu país por razóns económicas. Dos 752.043 europeos que no 1911 residían en Alxer, soamente 304.592 eran franceses de orixe. Gran parte dos estranxeiros e dos nacionalizados procedían da Península Ibérica, principalmente de València, das Illes Balears, de Murcia e da Andalucía oriental, que chegaron a conformar poboacións como Fort-de-l’ Eau o Aïn Taia e que conservaron durante moitos anos o seu idioma (catalán e español), nomeado patuet en Alxeria. Para diminuír o número de “estranxeiros” o goberno francés promulgou no 1889 a Lei de Nacionalización Automática, pola que se concedía a cidadanía a todo estranxeiro que non a rexeitase. A política francesa, foi, polo xeral, un intento sistemático e consciente de desartellar a estrutura árabe-bérber en proveito exclusivo dos colonos. No 1923 Al-Masālī al-Tilimsānī, conseguiu principiar o movemento nacionalista que a Segunda Guerra Mundial, coa eclipse do poder francés, fortaleceu. En maio de 1945 produciuse unha rebelión en Sétif contra a presenza francesa, duramente reprimida polo goberno do Xeneral de Gaulle. O Mouvement pour le Triomphe des Libertés Démocratiques, dirixido por Al-Masālī al-Tilimsānī, escindiuse no 1954 en tres bandos: un seguiu ao líder nunha actitude de non colaboración cos franceses; outro propugnou unha colaboración limitada e o terceiro decidiu recorrer á loita armada. A dirección política da loita pola independencia achegouna o Front de Liberation Nationale (FLN), con Ben Bella e Ferhat Abbas como líderes máis destacados. A revolución alxeriana comezou formalmente no 1954, cando a FLN demandou un estado alxeriano democrático e socialista, facendo súa a reivindicación do recoñecemento da nacionalidade laxeriana de principiar negociacións e de liberdade para os presos políticos. As institucións revolucionarias que actuaron no período de pre-independencia foron a FLN, configurado como partido único na estruturación política da República ata 1992, o CNRA (Conseil National de la Révolution Algérienne) que se fixo cargo do lexislativo, e foi o depositario da soberanía nacional mentres durou o conflito armado, e o GPRA (Gouvernement Provisional de la Republique Algérienne) que realizaba as funcións de goberno, a designación do cal correspondía ao CNRA. O 8 de xaneiro do 1961 os cidadáns franceses apoiaron en referendo o principio de autodeterminación para Alxeria, ao que seguiría, o 18 de marzo do 1962, a sinatura dos acordos de Evian entre Francia e a FLN. Dende entón comezou a diáspora dos colonos nun clima de pánico xeneralizado. En cumprimento do acordo organizouse un referendo en Alxeria, o 1 de xullo do 1962, que decidiu a independencia; o 8 de setembro do 1963 foi sometido a referendo e adoptado o proxecto constitucional preparado pola FLN baixo do control directo de Ben Bella, Xefe do Goberno. O programa político básico imposto polo novo estado xiraba arredor de tres fitos principais: a reforma agraria, a política social e as relacións internacionais, baseadas nun forte senso nacionalista e antiimperialista. No 1969 o Coronel Houari Boumedienne, principal líder dos sectores militares que prestaron soporte a Ben Bella, deu un golpe de estado. O novo réxime atopou unha forte oposición á esquerda da FLN e en sectores do exército, cara a 1971 adoptou unha política social máis activa. O réxime consolidouse nos anos 1976 e 1977: no primeiro deles aprobouse unha constitución e foi elixido Presidente do Estado Boumedienne; no 1977 realizáronse eleccións á Asemblea Popular Nacional (1977). No 1978, ao morrer Boumedienne, o coronel Chadli Ben Djedid foi elixido Secretario Xeral da FLN e Presidente do Estado (febreiro do 1979), este fixo que se revisase a Constitución (xuño de 1979). Chadli Ben Djedid foi reelixido nos seus cargos en 1984 e 1988, mais tivo que afrontar a aparición dun islamismo fundamentalista, violentas manifestacións de estudiantes radicais e as reinvidicacións dos bérberes das Cabilíes. En xaneiro do 1986 foi ratificada unha nova constitución coa que se intentou un maior equilibrio entre Islam e socialismo e, en economía, a revitalización do sector privado. En política exterior mantivo unha liña antiimperialista e de non-aliñamento. Dende 1988 coa deteriorada situación económica e social do país e a presenza crecente do integracionismo islámico, dirixido fundamentalmente pola FIS (Fronte Islámica de Salvación) principiou un período de violencia e revoltas que comportou dúas reformas constitucionais máis (1988, 1989); na última permítese o multipartidismo. A situación culmina co golpe de estado militar de xaneiro do 1992 e a constitución dun novo réxime autoritario que forzou a demisión de Ben Djedid e puxo no seu lugar a Mohamed Boudiaf, asasinado en xuño do mesmo ano quen, malia o seu curto mandato, tentou reedificar o sistema democrático. Sucedeuno Ali Kafi e posteriormente, Liamine Zéroual (1994). A ilegalización da FIS foi contestada por moitos musulmáns cunha intensa campaña de atentados terroristas; primeiramente a xente doutros credos e estranxeiros en xeral, que se converteron cada vez en máis indiscriminados, chegando a matanzas de aldeas enteiras. A oposición ao goberno reuniuse en Roma en xaneiro de 1995. A FIS, a Front de Forzas Socialistas, a Fronte de Liberación Popular, o Movemento Democrático Alxeriano e outros grupos minoritarios asumiron un acordo a prol do multipartidismo, o diálogo co goberno, a legalización da FIS e a liberación dos presos políticos. Non obstante este pacto non detivo a espiral de violencia: os atentados multiplicáronse e a oposición ao goberno de Zéroual fortaleceuse, grazas á axuda francesa e ao incremento do apoio popular. En novembro de 1995 Zéroual foi reelixido nunhas eleccións presidenciais que tiveron unha gran participación aínda que foran boicoteadas polos partidos maioritarios. Malia a vitoria electoral do presidente, os integristas continuaron poñendo en perigo a seguridade do estado e a oposición pacífica negouse a aceptar a tutela dos militares. En 1997 os partidos progobernamentais proclamáronse vencedores das eleccións lexislativas. En febreiro de 1999, logo dun ano marcado pola violencia e polas loitas entre as diferentes faccións militares por facerse co poder, as eleccións presidenciais, anunciadas en setembro de 1998 por Zéroual, converteron a Abdelaziz Buteflika en Presidente de Alxeria. Os retos deste novo presidente son enormes: emprender o camiño de pacificación e concordia nun país onde morreron 100.000 persoas nunha guerra civil nunca declarada e reestruturar os desequilibrios sociais e económicos que están a xurdir no país.