Alytes
Xénero de anfibios da familia dos discoglósidos, presentes no occidente europeo e caracterizados por seren sapos de ata 6 cm de lonxitude, de aspecto robusto, non presentar glándulas parótidas e ter ollos prominentes con pupila vertical. Os machos portan os ovos en cordóns enrolados ao redor das patas posteriores manténdoos húmidos ata a eclosión, momento no que as larvas son depositadas na auga onde completarán o seu desenvolvemento. A este xénero pertencen A. cisternassi, endemismo do occidente e centro peninsular, A. dickhilleni, endemismo das serras béticas peninsulares, A. muletensis, endemismo balear, e A. obstetricans, presente no suroeste de Europa. En Galicia só está presente a subespecie endémica A. obstetricans boscai. Reciben o nome de sapiños comadróns.