Amadeo I de España
Rei de España (2.1.1871-11.2.1873). Fillo do Rei de Italia Víctor Manuel II, foi Duque de Aosta antes de ser proclamado Rei de España logo do destronamento de Isabel II. Proclamado polas Cortes Constituíntes en novembro do 1870, Amadeo aceptou formalmente a Coroa en decembro, chegando a Madrid o 2 de xaneiro do 1871. Abdicou o 11 de febreiro do 1873. Foi popularmente coñecido en España como Amadeo de Savoia. O seu foi un reinado breve e complexo, caracterizado en Galicia pola permanente conflitividade: os campesiños, mostraban a súa insatisfacción como consecuencia da subida dos impostos e as levas; os carlistas, que non recoñecían a Amadeo I, deron comezo á Terceira Guerra Carlista, que mobilizou a numerosas partidas guerrilleiras, con o obxecto de restituír o pretendente Carlos no trono, logo da abdicación de Isabel II; os republicanos, que tampouco recoñecían a Amadeo de Savoia, promoveron unha rápida conquista de poder que culminou coa Insurreción de Ferrol do 11 de outubro de 1872. Nun intento de consolidar a súa monarquía, levou a cabo viaxes por todo o estado, visitando Galicia en agosto do 1872: procedente de Gijón, arribou o día 17 ao porto do Ferrol, que lle rende homenaxe con festas rexias ao día seguinte. O día 21, na compaña dos ministros de Gracia e Xustiza e Mariña, foi recibido na Coruña por autoridades provinciais e diferentes comisións. No seu discurso, o alcalde Federico Tapia lembroulle ao Rei a situación de esquecemento á que o goberno central relegara a Galicia. Tras revistar tropas e visitar a Audiencia Territorial, Amadeo partiu cara a Santander. A complexa situación levouno á renuncia do trono o 11 de febreiro de 1873, cando foi proclamada a Primeira República Española nese mesmo día.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Turín, Italia -
Deceso