Amado Carballo, Luís
Naceu no seo dunha familia que xa dera ilustres escritores como Luís de la Riega, Xoaquín Pesqueira ou Xoán Manuel Pintos Villar. Fixo os seus primeiros estudos no Colexio Balmes e despois no Instituto Xeral e Técnico da súa cidade natal. Estudante menos que regular, o seu paso polas universidades de Santiago e Madrid para cursar Filosofía e Letras e Dereito foi un fracaso. A súa vocación literaria posúe un primeiro punto de referencia en Madrid, en 1920, cando vivindo cunha certa bohemia contactou con Evaristo Correa Calderón e Ramón Gómez de la Serna, comezou a publicar artigos e poemas en medios de prensa como La Tribuna ou España. Enviou tamén colaboracións ao Diario de Pontevedra e Parábola (Burgos). Retornado a Pontevedra en 1922 foi cofundador, xunto con Xoán Vidal Martínez, da revista Alborada (1922) e nela deixou algunhas mostras de narrativa breve. Deseguido iniciou as súas colaboracións en A Nosa Terra, onde apareceron moitos dos seus poemas, algúns deles póstumos. Tamén o xornal La Concordia, de Vigo, é fonte imprescindible das primeiras versións de numerosos poemas da súa autoría. Achegas en verso ou prosa, en galego ou castelán, apareceron en Alfar, Vida Gallega, Nós, El Pueblo Gallego, Galicia, Progreso, Cristal, Galiza, Vida Céltiga e outras publicacións. Foi Amado Carballo íntimo amigo de Xoán Vidal Martínez do que apadriñou o seu primeiro libro poético, Mágoas, 1921, cun breve prólogo, e mantivo así mesmo amizade con Manuel Méndez, Castelao e Xoán Bautista Andrade. Na casa deste último, “A Fillagosa”, asistía aos faladoiros con poetas e artistas mozos de Pontevedra. Un sector da crítica -Ramón González Alegre, Faustino Rey Romero, Carballo Calero- tense ocupado da pegada da lírica de Andrade -“el Juan Ramón Jiménez de la poesía gallega” ao dicir de González Alegre- en Amado Carballo. En 1924 era habitual do faladoiro vigués, ao que concorrían tamén Rafael Dieste, Carlos Luís Bernárdez, Ramón Cabanillas ou Roberto Blanco Torres. Nese mesmo ano xa tiña preparado Proel, o único libro poético que puido ver publicado. En 1925 unha doenza pulmonar mermou a súa saúde. Instalado en Soutelo de Montes para se repoñer, exerceu unha tempada como mestre, pero finou en 1927 aos vinte e seis anos, pouco despois de ver publicado o citado Proel. Pertenceu á xeración chamada de 1922 (ou de 1925) a carón de Manuel Antonio, Luís Pimentel, Arturo Mª Casas, Xulio Sigüenza, Xesús Bal y Gay, Euxenio Montes, Eduardo Blanco Amor, Florencio Delgado Gurriarán e outros moitos poetas. A xeración de “fillos da Xeración Nós”, marcada pola creación do Seminario de Estudios Galegos (1924), pola revista Ronsel (1924) ou polo xurdimento do Partido Galeguista (1925), mais truncada prematuramente pola morte (casos de Manuel Antonio e do mesmo Amado Carballo), pola traxedia da Guerra Civil e polo afastamento do emprego da lingua galega de varios dos seus membros. A brevidade da vida vai parella, en Amado Carballo, á súa escasa obra literaria.
No ámbito da expresión galega deixou mostras do xénero narrativo no relato longo Maliaxe (1922) e, posteriormente, na novela curta Os probes de Deus (1925). Publicou tamén algúns contos ou prosas breves nas páxinas de A Nosa Terra e Alborada. O tempo non deixou madurecer a súa obra narrativa, que en castelán acusa a pegada modernista da prosa de Prudencio Canitrot ou Valle-Inclán e, en galego, en opinión de Xosé Mª Álvarez Blázquez, sitúase na órbita creacionista pola procura anovadora dunha prosa rica en imaxes e metáforas e dotada dunha rara e inusual adxectivación. Pero a alta significación do escritor na literatura galega, concretamente na etapa das vangardas, nos anos vinte, procede da súa condición de poeta; malia os seus dous únicos poemarios: Proel (1927), que contén trinta e cinco poemas, e O galo (1928), libro xa póstumo, preparado por Xoán Vidal Martínez, cun limiar de Otero Espasandín e un debuxo na cuberta de Carlos Maside. Consta o libro dun total de dezaoito poemas e sitúase nunha liña de continuidade ou prolongación de Proel. Nas edicións que a partir de 1970 se fixeron da obra de Amado Carballo (da autoría de Xosé Mª Álvarez Blázquez, Xosé Ramón Pena ou Luís Alonso Girgado) adóitase recoller un feixe de poemas -no apartado de “poemas soltos”- que non entraron en ningún dos dous libros. Cómpre dicir que estamos diante dun poeta moi ben recibido e celebrado no seu tempo; un poeta que creou unha grande expectativa co seu particular lirismo e fixo escola, deixando un amplo ronsel de seguidores entre os que contamos a Euxenio Montes, Augusto Mª Casas, Eduardo Blanco Amor, Manuel Luís Acuña, Xulio Sigüenza ou Florencio Delgado Gurriarán.
Narrador que quedou en promesa, cultivador da literatura nos medios de prensa e poeta de éxito, Amado Carballo militou nas ringleiras do galeguismo, incorporouse ás Irmandades da Fala, polemizou con Vicente Risco, foi home de fonda relixiosidade e estivo interesado polos textos teosóficos e ocultistas. Foi un bo lector, interesado nos ismos da vangarda, particularmente no Creacionismo fundamentado polo poeta chileno Vicente Huidobro, con quen mantivo relación epistolar. Tivo un aceptable coñecemento da literatura francesa (traduciu ao galego máis dun poema francés) e admirou a Valéry e Verlaine. Os termos Imaxinismo e Hilozoísmo definen en boa medida a súa lírica. En efecto, o poeta constrúe ás veces o poema mediante unha secuencia de imaxes xustapostas. A súa imaxinería é, sen dúbida, a clave máis definitivamente vangardista, máis persoal e novidosa, e a máis conseguida do seu traballo poético. A visión hilozoísta, co emprego da prosopopea como elemento retórico, implica a vivificación, dinamización, espiritualización ou humanización dos elementos da natureza. A paisaxe, de raíz galega, eixe do universo poético de Amado Carballo, xorde así dotada de alma, de vida e sentimento, leda e chea de cores, por veces percorrida dunha espiritualidade franciscana e dun alento panteísta. A crítica ten falado, a propósito do lirismo amadocarballista, de impresionismo paisaxístico, forte sensorialidade, sensibilidade naïf e sinxela lírica aldeá (Carballo Calero); de mestura da paisaxe galega coa nova imaxinería vangardista (Xosé Ramón Pena); de imaxes ateigadas de plasticidade e cromatismo, visión dinámica das cousas ao xeito ultraísta e creacionista, inspiración relixiosa e folclórica e mestura de luminosidade e tenebrismo (Xosé Mª Álvarez Blázquez) ou de combinación de imaxinería popular de raíz vangardista con metros e ritmos populares para nos ofrecer unha visión plástica e animizadora da paisaxe (Méndez Ferrín). Pero poderiamos falar, máis puntualmente, doutras claves características: o emprego -ás veces imperfecto- dunha métrica tradicional, de ascendencia popular con tendencia ao verso octosílabo, á asonancia e ao poema breve, e poliestrófico; gusto pola modalización descritivo-enunciativa do poema, formalizada en terceira persoa; mundo poético galego centrado na paisaxe campesiña e, ás veces, mariñeira, con presenza de elementos cósmicos; recreación do folclore popular en cantigas de berce ou de nadal; culto á imaxe na liña creacionista; abondosa referencialidade toponímica galega e tamén emprego de estranxeirismos valorados como signos de cosmopolitismo ou antienxebrismo (spleen, skating, derby, jockey).
No terreo da retórica destaca a morea de imaxes que emprega: os pinos, foguetes verdes, o cáliz do sol, o vidro do outo ceo e o carro das nubens; pero tamén a metaforización humanizadora (“os dediños da mañán/toda de branco vestida”) ou zoomorfizadora (“o sol -manso boy vermello-”), así como os epítetos cromáticos (marelos brazos, roibo meniño), sinestésicos (verde canzón, outo aturuxo) e humanizadores (mansa néboa, salaio dormente).
En realidade, a poesía de Amado Carballo exemplifica ata qué punto a case práctica totalidade dos poetas galegos que confluíron nos anos do pulo das vangardas quedaron a medio camiño e non foron quen de asumir e aceptar plenamente a ruptura, a novidade. A excepción, quizais a única, a esta actitude pode ser Manuel Antonio. O autor de Proel, pola contra, descoñece ou rexeita o verso libre e maniféstase continuísta no mantemento dun cosmos poético rural, galego, popular e alleo ao ámbito urbano. A súa novidade, vitalista, lúdica e leda as máis das veces, visionaria en ocasións, aberta á luz pero non exenta dalgunha sombra, está na imaxinería, que semella a máis cumprida descuberta vangardista do poeta, pero tamén xoga con elementos populares ou claves paisaxísticas como punto de partida.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra -
Deceso