amazona

amazona

(< lat amazōne < gr ἀμαζών)

  1. s f [MIT/ARTE]

    Muller guerreira da mitoloxía grega que cabalgaba con moita habilidade. As amazonas non admitían homes entre elas agás un día ao ano co fin de asegurar a perpetuidade da raza. Queimaban o peito dereito para tensar mellor o arco. Habitaban en Asia Menor e loitaron con diversos heroes. Parece que o mito pode ter orixe nalgún pobo asiánico en réxime de matriarcado guerreiro ou ben nunha reminiscencia de sociedades matriarcais exeas prehelénicas. Artisticamente destacaron, no s V a C, as de Policleto, Fidias e Cresiles, pero foron máis abundantes as representacións conxuntas da epopeia das amazonas (amazonomaquia), entre as que é célebre a de Fidias, esculpida nunha serie de metopas do Partenón de Atenas. No século seguinte o tema aplicouse a frisos e frontóns. Foi un tema moi recorrente na arte helenista e na arte romana. Na Idade Moderna, seduciu o espírito barroco de Rubens.

  2. s f

    Muller guerreira ou de ánimo viril.

  3. s f [DEP]

    Muller que monta a cabalo.

    Ex: A amazona terminou o percorrido con catro puntos de penalización.

  4. s f [INDUM]

    Vestido feminino con faldras longas para montar a cabalo.

Palabras veciñas

amazocado -da | amazocar | Amazon | amazona | Amazona | Amazonas | Amazonas