Amazonas

Amazonas

Estado do Brasil (1.567.954 km2; 2.320.000 h [estim 1995]). A capital é Manaus. Situado na rexión do N, comprende o curso medio do río Amazonas, dende a fronteira con Colombia e Perú ata o estado de Pará. É o estado máis grande do país. Forma, coa excepción dun pequeno sector montañoso ao N (serras de Imeri e de Tapirapeco), unha inmensa chaira aluvial, cuberta de vexetación exuberante e lixeiramente inclinada cara á depresión do Amazonas, río que atravesa transversalmente o estado e que xunto cos seus afluentes (Madeira, Purus, Juruá, Putumayo, Japurá e Río Negro, entre outros), drena o estado e forma unha extensa rede hidrográfica na que se localizan os principais asentamentos humanos, nunha rexión pouco poboada (densidade media de 1,47 h/km2). O clima é ecuatorial e a vexetación forma unha mesta xungla. Explótase a hevea, árbore da que se extrae o caucho, o iute, azucre, cacao, café e outros produtos. Os recursos mineiros son abundantes, e o comezo da explotación do petróleo levou ás empresas multinacionais a emprender unha intensa campaña de prospeccións e perforacións que provocaron unha vasta deforestación e a extinción de moitas especies da súa fauna e flora ademais do exterminio dos grupos humanos aborixes, desposuídos do seu territorio ancestral e dos recursos que permitían o mantemento da súa cultura e do seu modo de vida, actividades que recibiron o apoio, e mesmo o estímulo, do Goberno do Brasil. Este territorio converteuse en estado federal no ano 1889.

Palabras veciñas

Amazonas | Amazonas | Amazonas | Amazonas | Amazonas | Amazonia | amazónico -ca