Amazonia

Amazonia

Rexión natural de América do Sur constituída por unha extensa conca sedimentaria de máis de 6 millóns de km2, sucada polo río Amazonas e os seus afluentes, e situada entre dous macizos antigos pouco elevados: o macizo da Güiana, ao N, e o escudo brasileiro ao S. Aproximadamente a metade da rexión pertence ao territorio do Brasil; o resto, estendido ao pé dos Andes, ocupa territorios de Venezuela, Colombia, Ecuador, Perú e Bolivia. Os límites oriental e o occidental están ben definidos polo Atlántico e os Andes. O límite meridional e o setentrional non o están tanto, pois os dous escudos cristalinos só delimitan parcialmente a conca: a transición da selva á sabana é o criterio xeralmente adoptado a falta duns límites físicos precisos. A chaira amazónica, que ocupa aproximadamente a metade da rexión, é a paisaxe máis característica: vastísimo conxunto de pequenos relevos (a terra firme) que non superan os 300 m de altitude (altiplano de Santarém, 130 m; escarpada de Paranaquara, 300 m) e de grandes chairas de inundación fluvial, que representan unha porción relativamente reducida do conxunto rexional (as várzeas). Atravesada polo Ecuador, a temperatura é moi elevada e uniforme (24°C-28°C durante todo o ano) e a pluviosidade extraordinariamente alta (ata 3.000 mm/anuais). Belém, no canal S das foces do Amazonas, e a capital do interior, Manaus, son os principais núcleos de poboación. A explotación do caucho, sobre todo de hevea, foi a principal fonte de riqueza da rexión, especialmente no período 1850-1910. A Amazonia produce noces do Brasil, esencias forestais e madeiras nobres. Existen recursos mineiros importantes: ouro, diamantes, cristal de rocha, minerais de ferro e manganeso, petróleo. Toda a Amazonia pertence ao dominio da hilea ou selva húmida ecuatorial americana; só na baixa Amazonia de clima menos chuvioso, queda interrompida nalgúns lugares determinados por terreos abertos con vexetación de sabana. A fauna é moi rica en especies. Cómpre destacar o gran número de aves, os simios platirrinos, moitos quirópteros e insectos que constitúen a fauna arborícola. A fauna terrícola é considerablemente máis pobre; hai que resaltar os ofidios, os desdentados e algúns carnívoros. Finalmente, nas augas sobresae o cetáceo de auga doce do xénero Inia, os sirenios, e, entre os peixes, numerosísimos, as pirañas e as anguías eléctricas. A explotación intensiva dos recursos naturais da Amazonia xerou numerosas campañas de protesta por parte dos movementos ecoloxistas dende o ano 1980. A presenza de compañías multinacionais que deforestan o bosque tropical, mediante a tala ou a queima, para prospectar e extraer as súas riquezas minerais (ouro, ferro, manganeso e petróleo), foi sempre apoiada polos respectivos gobernos. A chegada destas sociedades, maioritariamente de capital europeo ou norteamericano, supuxo a destrución dun ecosistema que sustentaba a moitas especies da flora e da fauna, algunhas aínda descoñecidas, supoñendo unha auténtica traxedia para a biodiversidade. Ademais moitos grupos humanos da rexión padeceron un auténtico exterminio con esta política, sendo expulsados do seu territorio ancestral e perdendo a posibilidade de manter a súa cultura e modo de vida propio, debido á destrución do seu hábitat co avance da deforestación ao mercarlle as compañías aos estados os dereitos sobre a propiedade do solo, un territorio moitas veces aínda inexplorado pola civilización que ostenta a soberanía diante da comunidade internacional. O proceso pode ser cualificado de auténtico xenocidio, pois ademais de perder as súas culturas tradicionais, moitos destes grupos desapareceron por completo, ben a causa das enfermidades exóxenas introducidas coa chegada dos colonizadores, ou mesmo a mans dos escuadróns de mercenarios a soldo das compañías extractoras. O proceso de deforestación da Amazonia principiou a alertar á opinión pública mundial a partir das advertencias dos científicos na primeira metade da década de 1980 sobre as súas consecuencias directas no descenso da cantidade de ozono na atmosfera. A Amazonia, o principal pulmón do planeta, reduce a súa superficie forestal de xeito exponencial cada ano. Por iniciaiva das Nacións Unidas celebrouse en xuño de 1992 o Cumio da Terra, en Río de Xaneiro. Na declaración final desta conferencia acordáronse medidas para a protección da área, mais quedaron na simple retórica diplomática e a situación real non mudou no esencial.