Ambroa, Igrexa de San Tirso de
Ambroa, Igrexa de San Tirso de
Igrexa tardorrománica dunha nave, cunha capela acaroada a cada lado, e cunha ábsida con columnas de basas e capiteis xa góticos que está situada na Irixoa. Rematando unha porta que conecta unha capela coa sancristía, aparece un tímpano semicircular adornado cun cuadrúpede de perfil que sostén cunha das patas flexionadas unha cruz de gran tamaño, cos brazos iguais e extremos ensanchados. Está flanqueado por un disco sen decoración e por dúas circunferencias sogueadas. É unha recreación dos tímpanos ornados cun Agnus Dei, e a súa cronoloxía sitúase arredor do 1225-1230.