amerindio -dia
(< ingl Amerindian < América + indio)
-
adx
Relativo ou pertencente aos amerindios.
-
grupo humano amerindio
[ANTROP/FISIO]
Grupo humano xantodermo de América. Segundo a sistemática racial de Heim (1972), baseada na pigmentación da pel, a estatura e o índice cefálico, presenta unha homoxeneidade grupal moi elevada. A variabilidade xenética e ecolóxica fixo posible unha certa diferenciación entre o grupo humano amerindio, que se caracteriza polos seguintes trazos: a estatura é de tipo medio, pero con grandes oscilacións extremas, nalgúns grupos patagóns observáronse individuos con 180 cm de altura, sen embargo, algunhas tribos venezolanas, como os iupa, fixeron pensar en grupos ‘pigmeoides’ en Suramérica. A estrutura corporal é robusta, braquimorfa, con anchura biacromial e bicrestal que confiren ao tronco un perfil frontal cuadrangular (ombreiros tan amplos como as cadeiras). A pigmentación da pel é variable entre o castaño amalero claro e escuro. Se ben, certos grupos de amerindios presentan frecuencias inusitadamente altas de albinismo, por exemplo os hopi e os zuñi. É moi frecuente a mancha pigmentaria conxénita, aínda que se presenta en maiores porcentaxes na costa do Pacífico que na atlántica. Teñen os cabelos negros e lisos, agás os indios das fragas tropicais, que os presentan lixeiramente ondulados; así mesmo, entre os individuos de sexo masculino a súa barba é pouco poboada. O índice cefálico adoita ser elevado, con escasos núcleos de dolicocefalia. A forma do nariz é moi variable, pero nunca platirrina. Nos noramerindios adoita ser aquilina. Presentan pómulos prominentes, a morfoloxía da rexión ocular ofrece con frecuencia os trazos do chamado ollo mongólico; é característica a presenza de incisivos superiores “en forma de pa” escavados na face posterior da coroa. Non ofrecen prego palpebral e o epicanto non existe nos homes adultos, aínda que é normal en mulleres e nenos. Segundo o antropólogo Comas, cómpre salientar os seguintes factores na dinámica bioracial amerindia: o poboamento de América foi moi recente (entre 30.000 e 100.000 anos); bardante algunhas excepcións (os maias, os aztecas e os incas) o illamento entre as poboacións amerindias e o seu pequeno tamaño puideron actuar como factores de diferenciación; outro factor foi a diversidade ambiental á que se tiveron que adaptar os primeiros grupos amerindios que ocuparon a totalidade do continente. O poboamento de América fíxose mediante movementos migratorios rápidos que permitiron que, nuns poucos milleiros de anos, o home acadase o extremo meridional do continente (hai 10.000 anos había poboación humana na Terra do Fogo); as vagas migratorias foron do tipo repregue ou pasivo, non existía ningún motivo para que se dirixisen cara ao sur; as condicións favorables facilitaban, tamén, o aumento demográfico. Na actualidade existe un amplo acordo sobre a orixe asiática dos primeiros habitantes que chegaron a América, acordo que se fundamenta arredor de dous datos. O alelotipo das poboacións de amerindios quedou determinado, sobre todo, polos trazos antropoxénicos dos primeiros habitantes, poboacións de Asia nororiental dun grupo definido como paleosiberiano. Un caso interesante é o dos antíxenos do AB0, espallados entre as poboacións mongoloides de Asia, que está ausente entre as poboacións americanas, feito que fai sospeitar que a orixe fose un grupo humano paleosiberiano anterior á división dos mongoloides típicos. Estes feitos e outros, levaron á conclusión de que os antepasados dos actuais amerindios habitaban o nordeste de Siberia antes de que se diferenciaran os mongoloides típicos. Polo tanto, están desacreditadas outras teorías como o autoctonismo do amerindio, sostida por Ameghino; a emigración a América, en época precolombina, de melanodermos africanos; a emigración transatlántica de elementos cromañoides; a hipótese de Montandon, que sostiña unha orixe polinésica das poboacións amerindias; a emigración transpacífica, a través da Antártida, de aborixes australianos, como propuña Mendes-Correa; ou a mestizaxe de caucasoides, mongoloides e australianos, segundo propuña Birdsell. Malia a homoxeneidade grupal, establecéronse varios subgrupos humanos que, seguindo a Comas, son os seguintes: norpacífico, que habita alasca e a zona comprendida entre as Rochosas e o Pacífico; noratlántica, que habitan dende as Rochosas ata ao Atlántico; surpacífica ou neoamerindia, habitan no litoral pacífico andino; sudatlántica ou amazónica, habitan moi illadas no interior das selvas do Amazonas; pampeano ou pámpido, as súas poboacións -en perigo de extinción- habitan no Chaco, na Pampa e na Patagonia, ademais dun pequeno reduto no Mato Groso; e paleoamerindia, que agrupa aos case extinguidos láguidos, que habitan nalgúns redutos illados do Brasil, e fuéguidos, dos que quedan uns grupos residuais en Terra do Fogo.
-
arte amerindia
[ARTE]
Arte dos pobos amerindios, especialmente dos precolombianos. Nos tempos precolombianos desenvolvéronse en terras americanas diferentes culturas. En América do Norte hóuboas de gran diversidade, ás veces de pobos nómades como o dos esquimós, limitada á ornamentación de vestidos, ao gravado de utensilios e a pequenas máscaras; a das tribos das grandes praderías centrais, hábiles en traballos con coiro e con wampum. Noutros casos foron pobos sedentarios, como os indios pueblos, bos construtores e ceramistas; os da cultura dos mounds, con máscaras e paos totémicos relevantes. En América Central, particularmente en México e Guatemala, naceron diversas civilizacións sometidas a unha unidade artística, que contaron con organización agrícola, relixión, coñecementos astronómicos e aritmética avanzada. Diferenciouse, a partir aproximadamente do ano 200 a C, a arte dos olmecas, dos huachecas, dos totonacas de Teotihuacán, con grandes pirámides e unha arte severa; a dos zapotecas, dos michecas, os da costa do Pacífico, e a dos toltecas (Chichén Itzá), de forte arquitectura. A máis importante foi a dos maias, de arquitectura monumental, de escultura en baixorrelevo e de rica pintura mural (Bonampak, s VIII). Complétase esta serie coa dos aztecas, de potente arquitectura, cunha escultura simbólica e manuscritos con miniaturas. Finalmente, en América do Sur cómpre nomear as civilizacións das rexións montañosas dos Andes e da estreita faixa da costa, entre os Andes e o Pacífico. Tense unha idea clara da sucesión destas culturas, pero non dos seus límites cronolóxicos, con etapas tan sobresalientes como a de Chavín (sobre o 800-500 a C); a de Tiahuanaco (sobre os 1000-1200) e a de Chimú, que deixaron paso á expansión dos incas, que acadaron unha administración perfecta, e foron importantes no tecido e na cerámica.
-
-
s
Denominación que reciben os indios de América.
-
etnias amerindias ETN
[ETN]
Relativo ao conxunto de pobos indíxenas americanos. Froito das diferentes adaptacións económicas, sociais e culturais a diferentes ambientes e espacios, os amerindios poden ser agrupados en 17 áreas culturais ben diferenciadas. A área de Mackenzie comprende unha rexión de Alasca e do Canadá ao redor dos 55° N. Lingüisticamente é a zona orixinaria das linguas atapascanas. A poboación depende fundamentalmente da caza do caribú, da recolección e da pesca. Elementos característicos seus son a crenza nun Gran Espírito transcendente. Dende o punto de vista social organízanse en bandas migratorias. A área do norleste ou dos bosques orientais comprende a rexión dos Grandes Lagos, Nova Inglaterra e o oriente da badía de Hudson. Lingüisticamente comprende falas algonquinas e iroquesas. É unha área de agricultura primitiva (millo, feixón, cabaza) asociada coa caza, a pesca e a recolección. A muller tiña grande importancia na dirección da familia. Era peculiar a casa longa ou habitación multifamiliar. Existían no seo das súas comunidades sociedades secretas baseadas no uso dos seus coñecementos médicos exclusivos das persoas que eran membros. Era característica a concepción dun espírito protector individual. A área do sueste comprende a costa atlántica no sur do estado norteamericano de Virxinia e en parte a do golfo de México. A maioría das súas etnias pertencen ao grupo lingüístico muskogee. Trátase dunha área semellante á das fragas orientais, pero de cultura un pouco máis avanzada. As tribos eran de estrutura social estratificada, como o demostra a súa división en castas. A área do sudoeste comprende os estados de Arizona e Novo México. Lingüisticamente, predominan os grupos uto-azteca e o hokan. As etnias máis características coñécense globalmente polo nome de pueblos, son os hopi, os zunis, os tano e os queres; así como os papago, os havasupai e os iuman. Malia que os navahos e os apaches, lingüisticamente atapascanos, habitan nesta rexión, non se consideran etnias típicas. Os elementos máis característicos son o urbanismo incipiente e a agricultura de regadío. Habitan en casas elevadas. Nesta área desenvolveuse moito o simbolismo relixioso en todas as súas actividades. É característica destas prácticas a kiva, un cuarto subterráneo dedicado á vida espiritual. A área das praderías ocupa a rexión continental central de América do Norte. Comprende seis grandes grupos lingüísticos: algonquino, atapascano, kiowa, caddo, sioux e uto-azteca. A causa da heteroxeneidade lingüística, practicábase intensivamente a linguaxe de sinais de fume e a mímica. A poboación dependía, absolutamente, da caza do bisonte. Outros elementos característicos das etnias desta área son o nomadismo, o tipi ou tenda forrada de coiros, o transporte feito con cans, a conserva de carne denominada pemmican, a arte xeométrica, etc. A guerra foi unha das actividades de prestixio dominantes. A aculturización destes pobos polos casteláns estableceuse en función do cabalo e das armas de fogo. A área de California e da Gran Cunca, situada entre a serra de Wasatch no centro das montañas Rochosas e o océano Pacífico, comprende as familias lingüísticas hokan, algonquina, atapascana, penuti e uto-azteca. Os grupos máis característicos son os choichóns, os ute, os vaso e os paiute. É unha área cultural baseada na recolleita da landra e dos piñóns; a causa da abundancia destas colleitas eran sedentarios. A densidade demográfica era relativamente alta: 1,52 h/km 2 . Un elemento moi característico foi a cestería, que realizaban cunha técnica moi elaborada. A área do altiplano comprende as concas dos ríos Fraser e Columbia. Lingüisticamente, predominan catro familias: atapascana, algonquina, penuti e mosan. Representa unha zona cultural de transición entre as áreas veciñas. A base económica é a pesca do salmón e a recolección. Como grupo característico pódese citar o sanpoil-nezpercé, que habitaba na rexión de Columbia, grupo de fala salish. A área da costa noroeste comprende o litoral dende a badía de Yakutat ata o norte de California. É unha área lingüisticamente diversificada (grupos atapascanos, penuti, algonquino e salish). A súa economía, moi especializada, baseábase na pesca do salmón, a caza de mamíferos mariños e agricultura de millo. Son trazos característicos o sombreiro de forma cónica, a tatuaxe corporal, a deformación craniana, os relevos en madeira, os tótems -de moita importancia na vida social-, a artesanía esotérica, o potlach -unha cerimonia moi particular que consistía no consumo dos excedentes agrarios anuais para evitar a acumulación de riquezas de xeito individual-, etc. A maior parte dos seus grupos étnicos comunicábanse a través do mar. Na árida área do norte de México predominan, dende o punto de vista lingüístico, os grupos hokan, iuma, uto-azteca e atapascano. Considérase unha área de transición e de paso. Entre os grupos da costa predominaban a pesca, en tanto que aqueles que vivían en zonas húmidas e fluviais practicaban tamén a agricultura. A área de Mesoamérica limita ao norte por unha liña moi fluída constituída polos ríos Sinaloa, Santiago, Lerma e Pánuco. Ao sur, a fronteira está formada por unha liña convencional, a do golfo de Nicoia, en Costa Rica. Era a área cultural indíxena máis avanzada de América no momento de se producir o descubrimento europeo. Os grupos lingüísticos predominantes son o penuti, o otomango e o uto-azteca. De todos os grupos que habitaban nesta área cómpre salientar os aztecas e os maias. Economicamente é unha área de agricultura de regadío e de horta, con cultivos intensivos e moi variados (millo, feixóns, cabaza, algodón, cacao e tomate). A artesanía e a arquitectura estaban moi desenvolvidas. Coñecían a escritura (tipográfica entre os aztecas e xeroglífica entre os maias). Tiñan avanzados coñecementos de matemáticas e astronomía. Vivían en cidades moi organizadas. A relixión azteca dominaba toda a vida social; a sociedade, o exército e o goberno estaban supeditados á relixión como crenza e como forma de vida. Neste sentido, cómpre salientar a complexidade do seu politeísmo e da súa organización sacerdotal. A organización social azteca nas súas orixes fora igualitaria. Non obstante , axiña adoptou unha estrutura moi xerárquica encabezada polo tlatoani (emperador), con amplos poderes relixiosos e militares, e seguida pola nobreza; as restantes clases sociais organizábanse pola súa función social. Os aztecas practicaban a guerra imperialista. Así mesmo, como indica Dussel, os aztecas foron a primeira experiencia forte do ego europeo de controlar a outro imperio. Os maias non formaban ningún estado homoxéneo. Organizábanse ao redor de pequenas cidades-estado que baixo determinadas circunstancias políticas, relixiosas ou culturais podían asociarse. A área andina comprende a rexión dos Andes dende 2° 1’ N ata os 30° 1’ S. Ten catro linguas predominantes: o quechua, o muisca ou chibcha, o aimará e o araucano. A base cultural común das etnias desta área foron a agricultura (a miúdo practicada segundo a técnica dos feixes e con irrigación), a metalurxia (a máis evolucionada do continente americano), a cerámica e o tecido. A área andina posuíu unha cultura urbana, politicamente moi desenvolvida, cun estado imperialista, o dos incas, que dominou as outras etnias. Sobresaíron nas construcións públicas e monumentais, dominaban a práctica cirúrxica e a navegación. Así mesmo, desenvolveron uns sistemas de organización social e política moi eficaces que permitían manter unha forte cohesión social. A área austral ou dos fueguins comprende a costa pacífica sur da illa de Chiloé, en Chile, ata as illas do cabo de Hoorn. É unha área cultural, quizais a máis primitiva de América, considerada marxinal. A economía está baseada na pesca e na recolleita de moluscos. A cultura material era moi pobre e socialmente agrupábanse en pequenas unidades familiares. Lingüística e etnicamente había, de norte a sur, tres grupos, actualmente extinguidos: os chono, os alakaluf e os iagan ou iamana. A área das chairas arxentinas está fundamentalmente constituída polos territorios da illa grande de Terra do Fogo, a Patagonia e a Pampa. Lingüisticamente, hai diversos grupos: o chono, o puelche e o chechehet. Economicamente dependen da caza do guanaco. Socialmente organizábanse en bandas migratorias dirixidas por un cabeza de familia que se ocupaba da resolución dos problemas económicos e dos litixios. A área do Gran Chaco é unha área de transición, sen un verdadeiro foco cultural aglutinador e distintivo. Lingüisticamente, estaban representados os grandes grupos guaicurú, mascoi, lule-vilela, mataco-macano, zamuco, tupí-guaraní e arauaco, cun total de preto de 50 etnias ben diferenciadas. A caza foi denominador común en todos os grupos que a habitaban. As tribos do Gran Chaco eran moi belicosas e moitas eran orixinarias da Pampa, dos bosques tropicais e da rexión andina. O grupo que ocupaba a zona xeograficamente máis extensa era o guaicurú. Os poboadores do Chaco eran de vida seminómade; os seus poboados dependían dos ciclos naturais da produción vexetativa e das cheas dos ríos. A área do Brasil central e oriental comprende a rexión central do Brasil e a costa do país, dende o extremo meridional ata a desembocadura do Amazonas. É unha zona de altiplano. Lingüisticamente predominan os grupos ge e tupí, pero hai un conxunto moi variado de sociedades e de grupos étnicos ben diferenciados. Practican, sobre todo, a caza, a pesca e a recolección, aínda que a maioría coñece a agricultura. Cazan e recollen durante certas tempadas do ano e retornan aos seus poboados para a recolleita e a sementeira. A área das selvas tropicais e ecuatoriais está basicamente localizada nas concas do Amazonas e do Orinoco. Lingüisticamente hai tres grandes familias: arauaco, caribe e tupí-guaraní. O factor básico da área é a auga: todos os grupos viven nas ribeiras dos ríos. Os centros ou focos culturais desta área atópanse nas Güianas e no Baixo Amazonas. A agricultura está baseada no cultivo de mandioca, con dúas variedades: unha amarga e outra doce. Tamén practican a caza, a pesca e a recolección. Son característicos o tabaco, os palafitos e as casas multifamiliares, o parentesco matrilineal e o canibalismo. A área circuncaríbica está localizada nas Antillas Maiores e nas Menores, e tamén nas costas do mar do Caribe, dende Nicaragua ata Venezuela, e nas costas de Colombia e do norte de Ecuador. As familias lingüísticas dominantes son o arauaco e o caribe. Os grupos culturalmente máis evolucionados eran os arauacos, representados polos taino de Cuba, de Haití e de Porto Rico, bos agricultores e posuidores dunha organización social complexa. Os caribe baseaban a súa subsistencia na pesca, feito que os fixo ser uns excelentes navegantes; a agricultura, sen embargo, a penas estaba desenvolvida. Os trazos máis característicos eran as adaptacións feitas dos elementos culturais mesoamericanos e dos bosques tropicais no conxunto da área.
-
s
-
linguas amerindias
[LING]
Relativo ao conxunto de linguas dos pobos indíxenas americanos. A orixe común de todas as linguas amerindias, igual que o do grupo humano amerindio, tivo que ser algunha lingua falada polo pobo paleosiberiano que entrou no continente americano a través do estreito de Bering. De todas as linguas amerindias (ó redor dunhas cincocentas), malia a súa pervivencia nalgunhas comunidades actuais (inuit, navaho, iuman, maia, nahuatl, chibcha, araucano, guaraní, mapuche, tupí, tehuelce ou, entre outras, guaracurú), só o aimará e o quechua son linguas oficiais en Bolivia e Perú; ademais, o guaraní e mais o maia teñen posibilidades reais de constituírse en linguas nacionais en Paraguai e Guatemala, respectivamente. A característica fundamental das linguas amerindias é a diversidade na orixe de cada unha das familias que as compoñen. O gran número de linguas e a escasa documentación existente sobre elas fai que as propostas sobre o número mínimo de familias e as súas tipoloxías varíen considerablemente. Deste xeito, pódense atopar desde propostas que identifican, para Norteamérica e Centroamérica, cincuenta familias ata estudios máis recentes que presentan un número moito máis reducido. O mesmo sucede con Sudamérica, onde as propostas van desde un máximo de cen familias ata un mínimo de tres. As recentes clasificacións, que parten das investigacións antropolóxicas que confirman unha orixe cultural común, distinguen as seguintes familias no amerindio: a macro-sioux, a hokan, a penutian a azteca-tanoan, a oto-manguean en América do Norte e Central e a andino-ecuatorial, a ge-pano-carib e a macro-chibchan en américa do Sur. A lingua macro-sioux leva este nome porque a maioría das linguas que a compoñen son da familia sioux, que se estende en América do Norte polos territorios das Grandes Chairas e as Praderías Centrais cara ao leste. Entre as linguas vivas incluídas nesta familia están: o dakota, o crow, o winnebago e o omaha-osage, faladas polas tribos indíxenas do mesmo nome. Neste mesmo grupo pero cunha extensión menor atópanse tamén nos territorios norteamericanos: a familia iroquian, espallada por algúns puntos do leste e que inclúe linguas como o cherokee e o mahowk; a familia caddoan á que pertencen linguas como o caddo no leste e o wichita e o parwnee nas Praderías Centrais e dúas linguas illadas no leste, o catawba e o yuchi, que teñen unha relación máis estreita coa familia sioux que coas restantes. A lingua hokan inclúe algunhas pequenas familias e linguas illadas espalladas pola costa noroeste ata California, na Gran Conca e polo sudoeste chegando a Centroamérica. As linguas deste grupo teñen un gran número de falantes, sobre todo, nalgunhas das súas familias como: a tlapanecán a e tequistlatecán en México ou yuman en Arizona e California. A lingua penutian é a única familia de América do Norte na que se poden demostrar claramente as relacións coas familias de América do Sur. As súas linguas distribúense dende a costa noroeste e as zonas da meseta do Colorado cara a California (cunha posible extensión ao sudoeste), por Centroamérica cara a Bolivia e por Sudamérica en Chile e Arxentina. As linguas penutian vivas con máis falantes están en América central como o mixe, pertencente á familia zoque ou algunhas linguas da familia maia como o quiché, o kekchí, o cakchiquel e o mam. A lingua azteca-tanoan divídese en outras dúas familias: a tanoan (ou kiowa-tanoan) con tres linguas situadas no sudoeste e o kiowa na zona das Grandes Chairas e a uto-azteca. Esta última é a máis extensa e confórmana unha liña de linguas que se falan dende a meseta do Colorado ata California, en Centroamérica e en pequenas extensións nas Grandes Chairas; algunhas delas son: o cahuilla e o luiseño en California, o paiute e o sashoni na Gran Conca, os dialectos ute e comanche nas Grandes Chairas, o hopi e o pina-papago no sudoeste ou nahuatl en Centroamérica. A lingua oto-manguean consta de cinco pequenas familias situadas en Centroamérica. As linguas máis faladas deste grupo son: o otomí, o mixteco e o zapateco. Ademais das familias citadas, existe un certo número de familias de América do Norte e Central para as que aínda non se estableceu unha relación clara coas restantes, é o caso da familia salish na costa noroeste ou da tarascan en Centroamérica. A lingua andino-ecuatorial inclúe o maior número de linguas indíxenas vivas (cerca de duascentas) entre as que están as linguas sudamericanas con máis falantes: o quechuá, o guaraní e o aimará. Consta de catorce familias entre as que destacan: o arahuco, o tupi, o quechuá e o aimará. A lingua ge-pano-carib ten case tantas linguas vivas como a anterior pero o número de falantes é menor. Está formada por dúas familias: a cariban, con sesenta linguas que aínda son faladas en Venezuela, as Güianas, O Brasil e Colombia e a macro-ge que agrupa a máis de vintecinco linguas do Brasil. A lingua macro-chibchan conserva trinta e nove linguas espalladas por Guatemala e Honduras cara ao sur, chegando case ata Perú. A familia chibchan, da que recibe o nome, é unha das maiores e consta de dezaseis linguas que se estenden dende Nicaragua ao noroeste de Colombia.
-
literaturas amerindias
[LIT]
Literaturas de lingua indíxena americana (denominadas tamén precolombianas ou americanas). A enorme complexidade lingüística e cultural, como tamén o período incipiente de coñecemento da maioría destas literaturas fan moi difícil a exposición das características xerais. As literaturas amerindias son a expresión das culturas indíxenas non afectadas polo contacto europeo e a transmisión oral foi a única expresión literaria da maioría, unha transmisión oral que foi recollida e estudada por etnólogos e lingüistas. Cabe destacar, sobre todo, a literatura nahuatl ou azteca. En cambio, a literatura maia antiga non perviviu en proporción aos monumentos artísticos conservados, se cadra por mor da desorganización civil na que se atopaba o Yucatán á chegada dos españois. De feito é necesario ir a un reflexo da literatura perdida nunha lingua parente, o quiché, que conservou o mítico Popol Vuh (Libro do consello), considerado o maior monumento das literaturas precolombianas. En América do Sur a lingua quechua produciu tamén unha rica literatura. Entre os xéneros principais sobresaen a poesía lírica e o teatro. A colonización europea e a evanxelización cambiaron o carácter das literaturas indíxenas coa entrada de modelos e temas concretados en obras, a miúdo escritas polos misioneiros como os dramas didáctico-relixiosos en nahuatl e quechua, ou os poemas en tupí do xesuíta Anchieta. Este proceso comportou unha folclorización das literaturas amerindias máis cultas e espertou outras como foi o caso do guaraní. Entre as literaturas que sobreviviron e se desenvolveron cabe mencionar a nahuatl, a maia, a quechua e a guaraní.