amida

amida

(< am-, abreviatura deamoníaco + -ida)

  1. s f [QUÍM]

    Denominación xenérica dos compostos orgánicos que derivan formalmente do amoníaco ou dunha amina primaria ou secundaria por substitución dun hidróxeno (amidas primarias), de dous hidróxenos (amidas secundarias) ou de tres hidróxenos (amidas terciarias) por radicais acilo. As únicas destacables son as amidas primarias. A súa fórmula xeral é RCONR’R”, na que R, R’, R” poden ser hidróxenos ou grupos hidrocarbonados. Denomínanse cambiando no nome do ácido RCOOH o sufixo -ico e -oico por amida ou a terminación carboxílico por carboxamida. As amidas son pouco básicas. Prepáranse por acilación do amoníaco ou de aminas primarias ou secundarias, por destilación lenta de sales amónicos de ácidos carboxílicos e tamén por hidratación de nitrilos. Os constituíntes principais da trama estrutural da materia viva, os péptidos e as proteínas, son poliamidas, nas que se manifesta a solidez do enlace amídico. Moitas amidas utilízanse directamente como solventes, plastificantes, estabilizantes, medicamentos, etc. Existen diversos polímeros poliamídicos sintéticos que se empregan para a fabricación de fibras téxtiles (perlé, nailon) e na industria dos plásticos.

  2. oxima de amida [QUÍM]

    Nome xenérico que reciben as substancias orgánicas caracterizadas pola presenza do grupo -C(NH 2 )= NOH. Obtéñense por reacción de nitrilos con hidroxilamina.