amina

amina

(

  1. s f [QUÍM]

    Nome xenérico dos compostos orgánicos que derivan formalmente do amoníaco NH 3 mediante a substitución dun ou máis átomos de hidróxeno por grupos hidrocarbonados R. As aminas teñen estrutura de pirámide trígona e son primarias RNH 2 , secundarias R 1 R 2 NH ou terciarias R 1 R 2 R 3 N, segundo haxa un, dous ou tres hidróxenos substituídos. As aminas primarias forman o seu nome engadindo o sufixo -amina ao nome do grupo R, ou ben ao nome do composto RH. As aminas secundarias e terciarias simétricas denomínanse engadindo os prefixos di- e tri-, e as non simétricas considerándoas produtos de substitución da amina primaria máis complicada. Cando o grupo NH 2 non é o principal na molécula, para designalo utilízase o prefixo amino-. As aminas primarias e secundarias poden formar enlaces por pontes de hidróxeno. Son compostos básicos por mor da parella de electróns non compartidos do nitróxeno, que pode captar un protón. As aminas alifáticas secundarias son máis básicas ca as primarias. As aminas terciarias, sen embargo, non son máis básicas ca as secundarias, porque a parella de electróns non compartidos do nitróxeno queda menos accesible a causa do gran volume dos tres grupos alquilo. As aminas aromáticas son moito menos básicas cás alifáticas, por causa da participación da parella electrónica non compartida na resonancia do núcleo aromático. Mediante tratamento con axentes alquilantes, as aminas primarias e secundarias conducen facilmente ás terciarias, e as aminas terciarias producen sales de amonio cuaternario (R 4 N + ). Con axentes acilantes as aminas primarias producen amidas. Con ácido nitroso as aminas aromáticas producen sales de diazonio, punto de partida dos colorantes sintéticos azoicos. As aminas libres oxídanse facilmente e producen óxidos de amina, o que as converte en compostos útiles como antioxidantes. As aminas prepáranse, ben por redución de compostos nitroxenados de grao de oxidación superior, tales como os nitroderivados, os nitrilos, as iminas, as amidas e as oximas; ou ben por alquilación do amoníaco, reacción que, malia producir mesturas de aminas primarias, secundarias e terciarias, ten interese industrial, xa que os distintos produtos poden separarse cunha destilación fraccionada adecuada.

  2. amina cerebral [BIOQ]

    catecolamina.

  3. aminas psicotónicas [QUÍM]

    Conxunto de psicofármacos que provocan reaccións estimulantes e antinarcóticas sobre o córtex cerebral, especialmente a efedrina e a anfetamina.