amínico -ca
(< amina + -ico)
-
adx
[QUÍM]
Relativo ou pertencente a unha amina ou ás aminas.
-
resinas amínicas
[QUÍM/IND]
Polímeros termoendurecibles, duros, incoloros e transparentes, coñecidos tamén baixo o nome xenérico de aminoplastos, que resultan da condensación de compostos amínicos cos aldehidos. As materias primas para a obtención destes polímeros son variadas, pero na práctica as que son realmente importantes son a urea, a melamina e o formaldehido. A partir dos monómeros amínicos é posible obter mediante o quentamento uns polímeros intermediarios, solubles e funxibles, de tamaño molecular medio, que se presentan en forma de solucións moi viscosas ou de pos. Por acción da temperatura ou de catalizadores, os polímeros intermediarios producen os polímeros finais, reticulados tridimensionalmente, insolubles e infunxibles, de maior grao de polimerización. As resinas amínicas aplícanse, sobre todo, en forma de polímeros intermediarios e utilízanse, principalmente, na fabricación de pos de moldear (preparados engadidos aos polímeros intermediarios aditivos diversos), a partir dos que se obteñen artigos moi variados: material eléctrico e adhesivos con dous compoñentes, utilizados nas industrias da madeira, de abrasivos e téxtil, e para a fabricación de taboleiros de partículas e de aglomerados de cortiza, entre outros; na industria téxtil, para a obtención de aprestos ríxidos ou brandos e acabados que non se engurran, nin encollen ou que se amosan repelentes á auga; na industria papeleira, para mellorar a resistencia do papel húmido; na industria de vernices e pinturas, e na fabricación de estratificados de papel, de tecido ou de fibra de vidro.