amplificador -ra
(< amplificar)
-
adx e s
Que ou que amplifica.
-
s
m
[FÍS]
Dispositivo utilizado para aumentar o valor dunha magnitude eléctrica. Todo amplificador necesita un abastecemento exterior de enerxía ( alimentador), polo xeral en forma de corrente continua, que procede da fonte de alimentación. Segundo o tipo de sinal eléctrico que hai que amplificar, os amplificadores poden ser de corrente continua ou alterna. Este segundo caso, máis frecuente, ten numerosas aplicacións prácticas, especialmente en telecomunicacións e electroacústica. Proxéctanse os amplificadores para traballar cunha gamma de frecuencias determinada, fóra dela as desviacións no seu comportamento resultan inaceptables a causa da distorsión que se introduce. Segundo cal sexa esta gamma ou banda de frecuencias, cómpre distinguir entre: amplificadores de radiofrecuencia, utilizados nos aparellos receptores de radio e televisión; amplificadores de vídeo, que amplifican o sinal de imaxe en televisión; e amplificadores de audio, que amplifican o son, denominados tamén de baixa frecuencia, que se utilizan nos receptores de radio e televisión e nos equipos de reprodución de son. En diferentes aplicacións industriais da electrónica utilízanse tamén amplificadores de corrente continua, de sinais en forma de impulsos, de ondas de forma especial (rectangular, triangular ou en dente de serra, entre outros) e tamén amplificadores que traballan con sinais lóxicos chamados amplificadores de todo ou nada. Hai tamén amplificadores específicos: operacionais, paramétricos, diferenciais e outros. Un amplificador consta de etapas amplificadoras sucesivas dispostas en fervenza co fin de obter un beneficio total superior ao que se obtería cunha etapa (axuste de circuítos en fervenza). Os amplificadores con tubos electrónicos quedaron totalmente desprazados polos de transistores e aínda máis polos de circuítos integrados; é por isto que se reduciron notablemente as dimensións dos amplificadores.
-
s
m
[FÍS/TECNOL]
Aparello destinado a amplificar sinais eléctricos que teñen unha frecuencia que pertence ao espectro audible. Os amplificadores poden estar destinados a sonorizacións públicas e a sonorizacións domésticas ou privadas. Os primeiros están destinados a reproducir, basicamente, a palabra falada e, en ocasións, a música; neste caso non se esixe unha gran calidade. Son aparellos de mediana ou gran potencia (de 100 a 10.000 W); adoitan ter unha entrada para o sinal procedente do micrófono e unha ou máis entradas auxiliares (outros micrófonos, tocadiscos, radio e outros aparellos) cada un co seu atenuador independente. Ás veces teñen un control de mestura que permite, ao mesmo tempo, atenuar o sinal presente nunha das entradas e amplificar o que hai noutra. Os amplificadores para sonorizacións privadas están destinados basicamente á reprodución musical cun mínimo de calidade (superior á que pode proporcionar un aparello de radio con AM). Son aparellos de pequena ou mediana potencia (20 a 200 W). Teñen diferentes entradas, un só control de volume, un selector de entradas, un control de balance e dous ou máis controis para modificar a resposta de frecuencia. Os máis perfeccionados incorporan controis de ton moi complexos con tres ou máis controis de frecuencia, entradas de preamplificación para cápsulas magnéticas ou de bobina móbil. Pola súa construción, os amplificadores poden ser integrados ou non integrados, segundo teñan incluídos ou non nunha soa unidade os controis e a etapa de potencia. Os amplificadores poden ser monofónicos ou estereofónicos, segundo poidan amplificar só un sinal ou ben dous ou máis sinais ao mesmo tempo. Os amplificadores estereofónicos máis usados son os de dúas canles que corresponden á técnica coñecida como estereofonía; os amplificadores cuadrifónicos ( cuadrifonía), desenvolvidos para conseguir máis realismo de reprodución de son, non prosperaron. Por mor do desenvolvemento actual dos transistores para traballar con grandes potencias e frecuencias elevadas e o desenvolvemento dos transistores complementarios e especiais (FET, RET, bipolares de alta frecuencia, etc), os amplificadores con transistores convertéronse nos únicos utilizados na actualidade. Nos aparellos portátiles o amplificador recibe a enerxía dunha fonte autónoma (pilas, batería recargable e outras) pero, en xeral, aliméntanse a partir da rede eléctrica.
-
s
m
[INFORM]
Aparello empregado para facer maior a intensidade de algo, en particular, a das oscilacións eléctricas.
-
s
m
[TECNOL]
Dispositivo utilizado para aumentar o valor dunha magnitude física.
-
amplificador de brillo
[FÍS]
Sistema ópticoelectrónico que fai máis luminosa a observación dunha escena que carece de iluminación. Utilízase, sobre todo, en radioscopia e nas observacións astronómicas.
-
amplificador fluídico
[TECNOL]
Amplificador de presión, sen partes móbiles, que utiliza a acción de correntes de fluídos para producir variacións de presión e de caudal. O efecto destas variacións utilízase para comandar sistemas lóxicos ( fluídica).
-
amplificador magnético
[ENX]
Amplificador de sinais eléctricos que funciona segundo un principio electromagnético. Adoitan ser de tipo estático, pero hainos tamén rotativos. O amplificador magnético rotativo é unha máquina eléctrica de corrente continua proxectada especialmente para amplificar sinais eléctricos. Os máis utilizados son: a amplidina, o rototrol e o magnicón. O amplificador magneticoestático é un dispositivo sen elementos móbiles capaces de dar unha resposta de potencia superior á da excitación e baséase nun fenómeno esencialmente magnético. Diferéncianse dous tipos: o de indutancia saturable e o de autosaturación. O amplificador magnético estático de indutancia saturable consiste nunha bobina de indutancia variable intercalada nun circuíto de potencia de corrente alterna; as variacións da indutancia da bobina conséguense por medio dunha corrente continua de control que fai variar o grao de saturación do ferro. O amplificador magnético estático de autosaturación ten o núcleo ferromagnético dun material de ciclo de histérese rectangular; polo tanto, a variación da indutancia é brusca, ata o punto de que se pode considerar un interruptor que se abre nun momento dado do ciclo alterno da fonte de alimentación e que se pecha cando este ciclo remata.
-
amplificador operacional
[FÍS/INFORM]
Amplificador destinado a efectuar unha operación matemática determinada cos sinais de entrada como, por exemplo, suma, resta, multiplicación, división, integración e outras. Son circuítos integrados lineais dunhas características moi salientables: impedancia de entrada moi elevada e de saída moi baixa, beneficio moi elevado (superior a 10.000), banda pasante moi ampla (desde 0 ata uns cantos MHz), etc. Polo xeral, son amplificadores diferenciais de corrente continua. Teñen aplicacións moi diversas como adaptadores de impedancia, xeradores de sinais, amplificadores lineais e filtros.
-
amplificador paramétrico
[COMUN]
Tipo de amplificador de microondas, formado por un tubo electrónico ou un dispositivo semicondutor que ten unha reactancia variable segundo o sinal que hai que amplificar.