analítico -ca

analítico -ca

(< análise)

  1. adx

    Relativo ou pertencente á análise.

    Ex: Completou un traballo analítico sobre as orixes do home.

  2. [FILOS]
    1. adx

      Dise do razoamento ou da proposición que é produto da análise.

      Ex: Esa muller ten un razoamento analítico do máis interesante.

    2. filosofía analítica

      Designación dun conxunto de tendencias filosóficas heteroxéneas que constitúen -xunto co marxismo e a miúdo fronte a el- un dos grandes bloques do pensamento occidental do s XX. O conxunto das tendencias analíticas coinciden en rexeitar o idealismo e a metafísica para interesarse pola lóxica e pola análise como un método para o estudo da linguaxe. Unha das súas fontes históricas atópase en Inglaterra, nos traballos de B. Russell sobre as linguaxes formalizadas e os de G. E. Moore sobre a linguaxe corrente. Simultaneamente, con E. Mach xorde en Viena un movemento de signo cientifista ( círculo de Viena). Esta tendencia, Empirismo ou Positivismo lóxico, está representada por M. Schlick, R. Carnap, O. Neurath, K. Gödel e J. Schumpeter. Posteriormente, en Oxford, xurdiría un grupo de pensadores que, orientándose no “derradeiro Wittgenstein”, estudiou o uso da linguaxe corrente fuxindo da formalización. Os membros máis influentes deste grupo foron G. Ryle, P. F. Strawson e J. Austin. Na actualidade, máis que de escolas analíticas podemos falar de filósofos ou pensadores de tendencia analítica, como O. W. Quine ou E. Nagel.

    3. xuízos analíticos

      Segundo aparecen expostos por Kant na súa obra Kritik der reinen vernunft (Crítica da razón pura, 1781), son xuízos nos que o predicado está contido no concepto-suxeito. Así, ‘A é B’ é analítico só se B está contido no concepto de A. Os xuízos analíticos, xa que logo, non aumentan o coñecemento, son exclusivamente aclaratorios.

  3. s f [MED]

    Conxunto de análises realizadas co fin de diagnosticar unha enfermidade. 

    Ex: Fixéronlle unha analítica antes da operación.

  4. s f [FILOS]

    Busca das formas elementais do razoamento e da demostración. Segundo Kant, na súa obra Kritik der reinen vernunft (Crítica da razón pura, 1781), é a primeira parte da lóxica xeral que “descompón todas as operacións do entendemento e da razón nos seus elementos e os presenta como principios de calquera apreciación lóxica que faga o noso entendemento”.

  5. linguas analíticas [LING]

    Termo de clasificación tipolóxica que fai referencia ás linguas do dominio indoeuropeo que foron perdendo a flexión das palabras e foron confiando cada vez máis en palabras auxiliares (preposicións, auxiliares de perífrases verbais, etc) a expresión das relacións sintácticas. Os exemplos máis notorios desta progresión histórica son o da evolución do latín ata as linguas románicas de hoxe en día, e o paso dende o xermánico primitivo ao inglés ou ao escandinavo occidental.

  6. método analítico [PEDAG]

    Método pedagóxico que se basea na análise global dos obxectos antes de proceder á reconstrución. Na aprendizaxe da lectura, o rapaz debe partir dun conxunto significativo, non dos elementos do código a identificar.

  7. técnica analítica [ESPECT]

    Técnica teatral que introduce na acción do drama feitos anteriores que xustifican o desenlace da obra.

Palabras veciñas

Análise Empresarial | analista | analiticamente | analítico -ca | Analíticos | analizable | analizador -ra