Anaya Santos, Gonzalo
Mestre e pedagogo. En 1933 exerceu como mestre interino en Cayuela e Valdenoceda (Burgos) e en novembro de 1934 comezou a exercer como mestre nacional en Hontoria de la Cantera (Burgos). Ao rematar a Guerra Civil foi sancionado e trasladado a Cañizar de Amaya e no 1940 pediu a excedencia no Maxisterio Nacional. Licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Madrid e en outubro de 1943 comezou a dar clases de Bacharelato en Almadén (Ciudad Real), en centros de ensino privado e clases particulares. Ensinou Lingua e Literatura gregas (1948-1950) no Instituto Luis Vives de València; posteriormente, do ano 1950 a 1953, trasladouse a Burgos onde tamén impartiu clases particulares. A finais 1953, gañou a Cátedra de Filosofía da Escola de Maxisterio de Santiago de Compostela e no 1954 a Cátedra de Filosofía do Instituto Rosalía de Castro. Diplomouse en Psicoloxía pola Universidade de Madrid no ano 1967 e, dous anos despois, doutourouse en Filosofía pola mesma universidade coa tese titulada “Esencia del cine. Teoría de las estruturas”. Foi profesor en Santiago da Escola Social de Galicia da Facultade de Medicina, Facultade de Filosofía y Letras e da Escola de Artes e Oficios. Creou e dirixiu o Servicio de Psicoloxía do Departamento de Rehabilitación do Hospital Clínico de Santiago, adxunto á Cátedra de Patoloxía Cirúrxica. Durante a súa estadía en Galicia, pronunciou conferencias en distintos centros e sociedades culturais, tomou parte activa na creación dos cineclubs que funcionaron en Santiago e fundou en 1964 o “Equipo 64” dedicado á realización cinematográfica. En outubro de 1973, trasladouse a Valencia, onde impartiu clases na Escola Universitaria de Formación do Profesorado ata a súa xubilación (1984). Ao ano seguinte foi nomeado Profesor Emérito da Universidade de Valencia. O seu labor principal foi a súa plena dedicación á docencia; así tamén o reflicten as súas publicacións que teñen como fondo a educación e a investigación.
Publicou, ademais de numerosos artigos e relatorios, cinco libros: La depresión cultural gallega (1970), o prólogo do libro Luis Bello. Viaje a las escuelas de Galicia (1973), El COU. Análisis de una experiencia (1973), Una ruptura en la enseñanza (1977) e Qué otra escuela (1979). O Ministerio de Información e Turismo premiou a súa obra Factores que condicionan los niveles de enseñanza en Galicia. No 1999, traballa como Profesor Emérito da Universidade de Valencia onde imparte cursos de Doutoramento, é asesor da Revista de Educación do MEC, membro dos Movementos de Renovación Pedagóxica, coordinador dun número de ARXIUS e onde imparte o curso anual na Escola d’Estiu da Comunitat Valenciana, entre outros traballos. Recibiu varias homenaxes e distincións, entre elas, no mes de abril do 1999, foi nomeado Presidente de Honra das APAS do Instituto de Educación Secundaria Gonzalo Anaya de Xirivella (Valencia).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Burgos -
Falecemento
Lugar : Valencia