andaluz -za
(< topónimo Andalucía)
-
adx
-
Relativo ou pertencente a Andalucía ou aos seus habitantes.
Ex: A súa familia política é andaluza.
-
Natural de Andalucía.
Ex: Eses señores andaluces compraron varias máquinas de coser.
-
-
s
Habitante de Andalucía.
Ex: Os andaluces saíron en manifestación en protesta pola suba do aceite.
-
s
m
[LING]
Dialecto do castelán formado a raíz do repoboamento realizado polos colonizadores de León e de Castela no sur da Península Ibérica dende o s XIII. O vocalismo comprende unhas vocais abertas, provocadas pola aspiración do -s do plural, opostas fonoloxicamente ás pechadas: ([‘peso] pes; [‘pEsO] pesos). O consonantismo caracterízase pola aspiración do f- no andaluz occidental, a alternacia do ceceo co seseo, a extensión do yeísmo, a confusión do -l e do -r implosivos (sarto, salto; olol, olor), a aspiración do s implosivo (fiehta, fiesta).
-
arte andaluza
[ARTE]
Arte desenvolvida na zona meridional da Península Ibérica despois da colonización castelá. O territorio que máis tarde sería Andalucía tivo un papel moi importante na evolución da arte na Península Ibérica xa na Prehistoria e tamén na Época Romana e durante o Islam. A arte andalusí prolóngase no estilo mudéxar. Malia que o Románico e o Gótico foron pouco importantes, cómpre salientar no Gótico a catedral de Sevilla, construída sobre a vella mesquita logo da conquista cristiá da cidade. Foi no s XVI, coas posibilidades económicas da conquista de América, cando se crearon as escolas de Sevilla, Granada e Córdoba, as tres coincidentes na difusión do Renacemento italiano, con arquitectos como Diego de Siloé, Andrés de Valdevira e Pedro Machuca. A escultura e a pintura floreceron no s XVII, con escultores como Martínez Montañés e Alonso Cano e pintores como Zurbarán, Murillo, Valdés Leal, etc. No s XVIII só sobresaíu a arquitectura, con solucións barrocas, estruturais e decorativas que se espallaron por América ata a súa independencia. Como consecuencia a arte andaluza entrou nun período de decadencia no que só destacaron algunhas individualidades de interese.
-
música andaluza
[MÚS]
Música desenvolvida en Andalucía. A primeira noticia sobre música andaluza provén dos Epigramas de Marcial, nos que se comenta o xeito de tocar as castañolas (crusmata). A mediados do s VI Sevilla foi un centro musical importante, no que se distinguiron Leandro e Isidoro e, a mediados do s VIII, coincidindo coa dominación árabe, Córdoba converteuse nunha cidade de vida musical moi refinada que mantivo o seu esplendor ata o s XI. Foi, sen embargo, a finais do s XV cando naceu a escola polifónica andaluza con Pedro Escobar, Fernando de Peñalosa, Fernando de Contreras, Juan Vázquez, Pedro F. de Castilleja, Juan Navarro e os irmáns Rodrigo e Francisco Ceballos. As figuras de máis relevo da escola andaluza son Cristóbal de Morales, Francisco Guerrero e Fernando de las Infantas. A música andaluza dos ss XV e XVI conservouse no Cancionero de Palacio, no Cancionero de Medinaceli e noutras coleccións da época. No eido da teoría musical cómpre mencionar a Bartolomé Ramos de Pareja e Juan Bermudo. A música tivo no s XVIII un repertorio de composicións para órgano, a maior parte delas obra de Francisco Correa de Araúxo. Dende mediados do s XVIII diferentes autores de tonadillas e, ao final do s XIX, de zarzuelas, inspiráronse nas danzas e nos cantos do pobo. Esta arte popular andaluza ten orixes moi escuras e está moi influída polos elementos musicais dos árabes e dos xitanos que habitaban a rexión andaluza. As principais formas deste cante flamenco, xitano ou hondo son as diferentes modalidades de tonadas, martinetes, seguidillas; estes cantos primitivos xeraron as bulerías, as soleares, as cañas, as corridas, o polo, as saetas, as serranas e outras formas máis recentes: fandango, garrotín, granadinas, sevillanas. Outras formas que poden ser bailadas son as bulerías, as alegrías, as farrucas, as soleares, os tantos, os tientos, etc. A arte flamenca entrou nunha época de decadencia a finais do s XIX. Durante o s XX a música andaluza culta deu grandes figuras como Manuel de Falla e Joaquín Turina.
-
raza andaluza
[GAN]
Raza mediterránea de galiñas integrada por exemplares de cor gris un pouco abrancazados, moi rústicos, que poñen poucos ovos pero moi grandes.
-
raza andaluza bovina
[GAN]
Raza bovina integrada por animais de perfil cóncavo, do tipo ibérico; desta raza é o touro de lidia.
-
raza andaluza cabalar
[GAN]
Raza de cabalos integrada por animais de perfil lixeiramente convexo, de lombo arredondado e amplo, harmoniosos de proporcións e cadenciosos de movementos; famosos como animais de sela.