Andrade, Fernán Pérez de o Bo

Andrade, Fernán Pérez de o Bo

Fillo de Roi Freire de Andrade e Inés González de Soutomaior. A el débeselle o prestixio inicial acadado pola casa dos Andrade. A súa actividade política e militar xira ao redor de Enrique de Trastámara: acolleuno na súa Torre de Pontedeume, facilitoulle unha nave en Ferrol e acompañouno á Corte do Rei de Francia cando este aínda era príncipe. Entre as actividades bélicas documentadas que protagonizou están: a loita contra Fernando de Castro, da casa de Lemos, en defensa do príncipe Enrique (1366); a súa participación na Batalla de Montiel, en 1369, segundo a tradición iniciada polo licenciado Molina (1550), quen engade que foi tamén o que matou a Pedro o Cruel. Enrique II dooulle os señoríos do Ferrol e Pontedeume, por privilexio do 19 de decembro de 1371, e o señorío de Vilalba, o 3 de agosto de 1373. Así mesmo, parece que conseguiu o privilexio de cuñar moeda, feito constatado pola presenza de moedas do s XIV da casa dos Andrade. Entre as obras que financiou nos seus dominios cómpre salientar as seguintes: a ponte da vila de Pontedeume, unha dos mellores do seu tempo; unha capela situada na mesma ponte cunha fundación de misas pola alma de Enrique II; un hospital para pobres na vila de Pontedeume; as pontes de Tubia, Sigüeiro e do Porco; os castelos de Moeche, Andrade, Naraio e Vilalba; as igrexas betanceiras de Santa María de Azogue e de Santiago; os conventos de San Francisco de Betanzos, Montefaro e San Francisco do Ferrol; e a ermida de Chanteiro. Tamén son salientables as súas doazóns, como a que fixo ao mosteiro de Monfero, outorgándolle as súas posesións de Saa e outros lugares da comarca de Ortigueira. Foi promotor, ademais, da tradución ao galego da Crónica Troiana, versión castelá (mandada facer polo rei Afonso XI) da Roman de Troie (1155-65) de Benoît de Sainte-Maure. Esta tradución foi realizada, en Betanzos ou Pontedeume, no escritorio de Fernan Martis, crego e capelán do conde en 1373. Baixo o seu patrocinio floreceu tamén unha rica escola escultórica que deixou obras de gran valor artístico, como o seu propio sepulcro, un dos monumentos funerarios góticos máis extraordinarios que se conservan. Designou como herdeiro e sucesor en todos os seus estados a seu sobriño, Pedro Fernández de Andrade, fillo de Xoán Freire de Andrade.

Cronoloxía

  • Deceso

    Lugar : Betanzos