Afonso II, o Casto.

Afonso II, o Casto.

Rei de Galicia e Asturias (791-842). Fillo de Froila I e de Munia. Sucesor do Rei Silo (783), foi desposuído por Mauregato, fillo de Afonso I, tendo que se refuxiar en Araba. No 791, despois da renuncia de Vermudo I (ou Veremudo), sucesor de Mauregato, subiu ao trono, establecendo a Corte en Oviedo. O acceso ao poder de Afonso II estivo favorecido, dende o primeiro momento, polos galegos, que se rebelaran contra Froila I -gobernante imposto por Afonso I- e lle axudaron a acadar o trono recoñecendo por completo a súa autoridade. A súa actividade política, que se inspiraba no modelo carolinxio de poder, orientouse cara á consolidación do Reino astur fronte ao Al-Andalus, que tentaba estender o seu dominio facendo campañas de conquista e devastación por toda a Península Ibérica, e á reivindicación dunha Igrexa autónoma con respecto ao poder mozárabe de Toledo. Durante o seu longo reinado loitou varias veces con Córdoba: fronte ao Emir Hisâm I (794); na toma de Araba por ‘Abd al-Karïm (795), que o levou a refuxiarse preto de Nalón; na toma de Lisboa (799), aproveitando as disidencias do Emir al-Hakam con Sulayman; en Castela loitou con Afonso para evitar a toma de Araba (816) por ‘Abd al-Karïm; nas operacións militares contra os dous exércitos musulmáns que tentan a invasión de Galicia, un polo sur, ao mando de Malik, rexeitado na Batalla de Anceo, e outro polo leste, mandado por Alhabbez e derrotado en Naharón (821); fronte a ‘Abd al-Rahmân II, quen atacou novamente Araba e Galicia (824); e, por último, ao favorecer ao bérber Mahmüd ibn ‘Abd al-Gabbar, caudillo árabe rebelado contra Abd al-Rahmân II, outorgándolle terras en Santa Cristina do Viso (Sarria) en 823. A actitude dos galegos, que axudaron de novo a Afonso cando Mahmüd se alía co Emir cordobés e se rebela contra o Rei asturiano (830), explican a decisión de Afonso II de erixir a Igrexa de Lugo en primada de Galicia, sobre as de Braga e Ourense, facéndolle diversas doazóns. A política interior fundamentouna en torno a dous eixes:   a Corte de Oviedo e o Bispado de Compostela, que tentou acadar a independencia relixiosa fronte á Igrexa mozárabe de Toledo. Esta política viuse favorecida pola descuberta do sepulcro do Apóstolo Santiago, durante os últimos anos do seu reinado, que deu pulo ao desenvolvemento urbano de Compostela. Mandou erguer no sitio do sepulcro unha igrexa en pedra cuberta con madeira á que se lle deu categoría de basílica episcopal, o baptisterio de san Xoán e o mosteiro de San Paio de Antealtares -onde residirían os monxes encargados do culto apostólico-, que configuraron un primeiro recinto pechado coñecido como Locus Sanctus Beati Iacobi. Así mesmo, instituirá a Confraría de Cambeadores que coas súas Taboas das Cambeas situadas na Praza do Paraíso, ao sur da basílica, será a institución primeira do comercio compostelán. Ademais da fundación de sés episcopais, caracterizouse tamén pola restauración de dióceses e a convocatoria de asembleas eclesiásticas. Afonso II foi o monarca que de xeito consciente primeiro tentou vencellarse co antigo Reino godo, resucitando as súas institucións e costumes. Sucedeuno Ramiro I.