Afonso VII, o Emperador
Rei de Galicia (1111-1157) e de León e Castela (1126-1157). Fillo da Raíña Urraca e de Ramón de Borgoña. Ao morrer seu pai quedou ao coidado de Pedro Froilaz, conde de Traba, e da súa muller. O conde de Traba, en defensa dos dereitos proclamados por Afonso VI, proclamou Rei a Afonso Reimúndez con todos os seus dereitos e como tal foi recoñecido pola maioría dos nobres galegos. Este feito provocou as primeiras loitas polo poder entre os partidarios de Urraca e os de Afonso Reimúndez que se resolveron favorablemente para Afonso, quen foi solemnemente coroado Rei de Galicia no ano 1111 na catedral de Santiago de Compostela, logo de asinar un tratado na beira do Tambre polo que se xuraron alianza e dividiron os seus estados para gobernar con total independencia. Á morte de Urraca subiu ao trono de León. Dende ese momento iniciou unha política territorial expansionista que iniciou coa toma de Burgos (1127), que motivou un enfrontamento con Afonso I de Aragón. Froito desta pugna concertou os Pactos de Támara, onde Afonso VII renunciou ás conquistas dos seus antepasados no territorio aragonés e, en compensación, Afonso I fixo o mesmo coas cidades que ocupaba en Castela. Portugal, baixo o goberno de Tareixa e o fillo desta, Afonso Enríquez, afianzou a súa independencia, e Afonso VII recoñeceu a este último o título de Rei polo Tratado de Zamora (1143). Cara ao 1131 Afonso tomou Castrojeriz baixo a vasalaxe de Sayf al-Dawla en Zaragoza. Á morte de Afonso I (1134) tomou Náfera e a Rioja e tentou expandirse polo Ebro. Anexionou as prazas de Tarazona, Calatayud e Daroca. Froito desta política territorial fíxose conceder pola Igrexa o título de Emperador, aínda que en realidade os bispos reunidos en León non tiñan atribucións para tanto. Con ese título quería dar a entender non só que reinaba sobre varios reinos (Galicia, León e Castela), senón ademais que outros reis aceptaban a súa preeminencia. No 1140, a consecuencia dun pacto co conde de Barcelona Ramón Berenguer IV, decidiu loitar contra García VI de Pamplona, quen rematou asinando un pacto co Emperador no que se acordaba o matrimonio da súa filla Branca con Sancho, primoxénito de Afonso VII. No 1141 tomou Almería. No 1151 volveu pactar con Ramón Berenguer IV en Tudellén para repartirse as futuras conquistas do Reino de Navarra e das terras musulmanas. O Emperador cedeu ao conde de Barcelona os territorios de València, Dénia e o Reino de Murcia, en condición de vasalaxe. No 1156 foi confirmado este tratado, na parte relativa a Navarra, por Ramón Berenguer IV, Afonso VII e os seus fillos. Ao mesmo tempo pactou o matrimonio de Sancha (filla do Emperador) con Ramón (primoxénito de Ramón Berenguer IV), o futuro Afonso II de Aragón. No 1156, Afonso decidiu que, á súa morte, o Reino se repartise entre os seus fillos: Sancho recibiu Castela e Toledo e Fernando herdou León, Galicia, Asturias e Extremadura. Durante o reinado de Afonso VII Galicia experimenta un desenvolvemento excepcional: florece a agricultura, iníciase unha grande explotación pesqueira, despega o comercio e consolídanse e organízanse as cidades episcopais e mais as vilas mariñeiras. Na súa época, coetánea da de Xelmírez, continúan os traballos na catedral de Santiago, triunfa a arquitectura románica e construíronse numerosas escolas. En canto ao ambiente literario, algúns dos máis antigos trobadores occitanos tiveron relación coa súa Corte: Cercamon, Alegret e, sobre todo, Marcabrú.
Cronoloxía
-
Nacemento
-
Deceso
Lugar : Fresneda