Afonso VIII
Rei de Galicia e León (1188-1230). Fillo de Fernando II e Urraca de Portugal. A Curia Rexia, reunida en León no ano 1088, recóñeceo como Rei fronte a Sancho, proposto por Urraca, e coróao solemnemente como Afonso VIII de Galicia e León. Para falar deste Rei cómpre principiar facendo unha observación historiográfica que permita resolver confusións e evitar erros. A presenza de dous Afonso VIII nas liñas sucesorias dos reinos independentes de Galicia, León e Asturias -con numerosos reis comúns- e de Castela motivou que o Afonso VIII de Galicia e León fose chamado pola historiografía española, cando decidiron inventar a listaxe dos reis de España, Afonso IX. Deste xeito, dábase unha imaxe de unidade histórica á Coroa de Castela dende a época de don Paio que non obedece máis que a un intento de mistificación da sucesión monárquica dos reis de Galicia. A Curia Rexia que coroa Rei a Afonso, á que asisten por vez primeira burgueses representantes das cidades, é ben significativa da política interior que propiciou Afonso VIII ao longo do seu reinado, caracterizada polo entendemento entre a coroa e os concellos fronte ao poder da nobreza. Nesta convocatoria, na que se estableceu o tradicional sistema de Cortes, promulgáronse leis destinadas a asegurar a todos os súbditos, nas súas persoas e bens, contra os abusos dos poderosos, polo que se deron en chamar Carta Magna Leonesa. Nestas leis favorecíanse as liberdades públicas e dábase licenza de libre paso dunhas vilas a outras, promovendo as comunicacións comerciais. Suprimíase o título de conde, lexislando que os gobernos e tenencias deixasen de ser vitalicios e hereditarios. Así mesmo, para facer cumprir as súas revolucionarias disposicións restableceu legalmente antigas penas, algunhas moi crueis. Na Carta outorgáronse foros a moitas vilas galegas, aínda que unicamente se lle atribúen as cartas de poboamento de Rivas de Sil (1225), Betanzos (1201-1225) e da vila de Erizana (Baia Bona, logo Baiona, no 1201), na que se concede aos seus veciños o privilexio da salgadura de peixe. Así mesmo, promoveu o repoboamento de Sarria, Salvaterra do Miño, Melide e, entre outros lugares, A Coruña. A súa política exterior caracterízase pola defensa e consolidadción das fronteiras e polo seu expansionismo. Estivo enfrontado con Afonso VIII de Castela -con quen coincidiu temporalmente entre 1188 e 1214-, aliándose cos reis de Aragón e Portugal; aliouse cos almohades logo da Batalla de Alarcos, o que ocasionou a intervención do Papa Celestino III, que excomunga a Afonso VIII e exime aos seus súbditos da fidelidade e obediencia debidas; para pór fin a loita co rei castelán casou coa súa filla, Berenguela, en 1197, gañando unha nova excomuñón do Papa Inocencio III debido ao próximo parentesco que os unía. Afonso VIII non participou na Batalla das Navas de Tolosa (1212), na que loitaron unidos casteláns, navarros e catalano-aragoneses contra almohades, que constituíu un fito nas guerras dos reinos cristiáns contra os musulmáns; mesmo aproveitou a indefensión de Castela durante a batalla para atacala, ao ser invadido o seu reino por Pedro I de Aragón e Afonso VIII de Castela. Ben que pactou varias veces cos árabes, pulou pola expansión cristiá cara ao Sur, sobre todo durante os últimos anos da súa vida. Tomou Valencia de Alcántara, Cáceres, Mérida, Badajoz, Elvas e todo o territorio do Sur do Guadiana, co que quedaba despexado o camiño cara a Sevilla. Como norma para consolidar as conquistas estableceu rápidos repoboamentos, deixando moi ampliado o reino que recibira (de aí xorde a hipótese de que nalgunhas aldeas do norte da actual Extremadura aínda se falen variedades do galego). Mantivo a Corte en León debido a súa posición xeográfica, estratéxica na dinámica das guerras tanto contra os musulmáns como entre os propios reinos cristiáns. Á súa morte, acontecida en Sarria no 1230, produciuse un problema sucesorio. O monarca nomeou herdeira do trono galego á súa filla Dulce e do leonés a súa outra filla, Sancha, ambas do seu primeiro matrimonio coa filla do rei portugués Sancho I, Tareixa de Portugal, da que se separara por impedimento canónico. O fillo que tivo do seu segundo matrimonio con Berenguela de Castela, Fernando III, reinaba no trono castelán dende 1217 e á morte do seu pai reclamou dereitos sobre o trono galego-leonés, opoñéndose á alianza con Portugal que defendían as infantas. A piques de se iniciar a guerra, as infantas cederon nas negociacións a cambio dunha pensión anual de trinta mil moedas de ouro. Afonso VIII, xa que logo, foi o último rei ao que chega a historia continuada do Reino de Galicia; a partir del, con Fernando III o Santo, os reinos de Galicia e León únense ao de Castela, aínda que se separaron brevemente en tres ocasións. Pulou polo desenvolvemento da música; na súa capela particular executábase a mellor música sacra xurdida do seu contorno, e da literatura lírica, exercendo o mecenado con trobadores e xograres -pola súa corte pasaron, ou mantiveron algún tipo de relación con el, Peire Vidal, Guilhem Magret, Elías Cairel e Uc de Sant Circ-. Foi, tamén, o fundador da Universidade de Salamanca (1219) e favoreceu a Igrexa.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Zamora -
Deceso
Lugar : Vilanova de Sarria