Afonso X o Sabio
Rei de Castela e de León (1252-1284). Fillo de Fernando III e de Beatriz, filla de Filipe, duque de Suabia. Reinando aínda Fernando III participou en diversas empresas guerreiras e diplomáticas que deron como resultado a conquista do Reino de Murcia e o Tratado de Almizra (1244). Durante o seu reinado soubo combinar o exercicio do poder co cultivo dos saberes. Foi un político ambicioso e un hábil militar. A súa política exterior estivo caracterizada por continuos enfrontamentos e polo desexo de engrandecer os límites territoriais do Reino. A súa relación co Reino de Murcia foi motivo de tensións cos reis de Aragón, principalmente con Xaime I. Continuou a guerra con Portugal co obxecto de apropiarse do Algarve (1253), sen embargo, rematou renunciado a ese territorio. Obtivo a vasalaxe de Teobaldo II de Navarra (1254). Renunciou ao ducado de Gascuña e cedeuno (1254) á súa irmá Leonor, muller de Eduardo, herdeiro de Enrique III de Inglaterra. Proseguiu a conquista de Andalucía (conquistou Jerez, Niebla, Cádiz, etc) e loitou co Rei de Granada (1266). Fixo valer os seus dereitos, como neto de Filipe de Suabia, á sucesión do imperio xermánico, sen embargo, renunciou á súa elección despois de ter intentado vencer a oposición do Papa Gregorio X (1275). Mentres estaba ausente de Castela, produciuse o ataque doRei de Granada: desembarcaron os benimerins e morreu o seu herdeiro Fernando de Castela (1275); o seu fillo Sancho, aproveitou a ocasión para presentarse como herdeiro, feito que provocou unha guerra civil entre ambos os dous agravada polo feito de que as Cortes de Valladolid (1282) deron o goberno a Sancho, aliado con Pedro II de Aragón, con Dinís de Portugal e con Granada, mentres que Afonso unicamente foi apoiado por Murcia e Sevilla. A política interior de Afonso X, malia a súa vinculación con Galicia (de neno criárase en Allariz), supuxo o definitivo desprazamento do poder político cara a Castela en tanto que Galicia perde importancia pouco a pouco e queda marxinada; así mesmo, conságrase a denominación de Reino de Galicia referida exclusivamente á Galicia actual, separada do Reino de León. Durante o reinado de Afonso X favoreceuse o comercio interior, para o que estabilizou a feira de Murcia e protexeu as de Baeza, Cuenca e Cáceres. Afonso X foi un admirable intelectual, poeta, lexislador, historiador e científico. Verdadeiramente instruído, soubo xuntar ao seu carón un eficiente equipo de poetas, xuristas, músicos, miniaturistas, científicos e historiadores escollidos entre as tres comunidades que convivían no seu Reino -cristiá, árabe e xudía-, que se encargaban da compilación de textos, da selección do seu contido -sobre o que previamente se discutira-, e da tradución ao castelán, de xeito que esta lingua por primeira vez na súa historia é quen de albergar os mesmos coñecementos que ata entón só cabían no latín ou no árabe. O resultado dese esforzo foi un corpus de literatura e erudición sen parangón na Europa do s XIII. O mellor reflexo da política interior de Afonso X son as súas obras lexislativas, xa que nelas procurou establecer a liña teórica da súa política de goberno aínda que, por diversas razóns, acabaron por ser contrarias ao fin con que foran concibidas. Un dos maiores obstáculos cos que se encontrou para lograr a congruencia entre as leis, foi a oposición das vilas e da nobreza a unha unidade lexislativa que lles parecía contraria aos seus intereses económicos inmediatos. Ata o reinado de Afonso X imperou nos dominios do seu Reino un corpo legal moi vario, composto de leis vixentes dende os últimos tempos do Imperio Romano, outras dos reis visigodos e outras que se foran promulgando no curso da Conquista e o Rei pretendeu poñer orde ao implantar as leis inspiradas no dereito romano. De entre os tratados legais destaca Las siete partidas, que constitúe un corpo de leis moi variado (que vai aumentando a medida das súas necesidades, polo que é imposible dar unha cronoloxía exacta) repartido en sete partes ou partidas: leis en xeral; leis públicas de goberno e administración; xustiza e a súa administración; matrimonio e parentescos; comercio; testamentos; delitos e as súas penas. A importancia desta obra no panorama lexislativo medieval salienta pola súa rápida tradución ao galego-portugués. Outras obras lexislativas son o Fuero Real, outorgado en 1255, que recolle esencialmente dereito tradicional e consuetudinario que tamén foi traducido ao galego-portugués na segunda metade do s XIII, o que demostra unha divulgación tan ampla como a das Partidas; o Setenario, unha especie de tratado para a educación do príncipe e unha das súas primeiras obras lexislativas e o Especulo, inacabado, xa que a súa intención e material xurídico pasou ás Partidas. Por outra banda, a intención política de crear un reino cohesionado reflíctese na súa obra histórica, na que redacta a primeira historia nacional do Reino de Castela. Así, no conxunto de obras históricas Afonso acomete o labor cronístico para expoñer o seu pensamento político e buscar no pasado as razóns que xustificaran as súas aspiracións sobre o presente, tanto no que se refire ás súas aspiracións imperiais, como á consecución do modelo de convivencia no seu reino. Dúas foron as obras desta clase: a Estoria de España (1270) e a General Estoria (1272-1280), coincidentes nos seus propósitos, pero de contido diferente: ambas pretenden contar a historia comezando desde os tempos bíblicos, pero a segunda ten a intención de referirse a todos os pobos da humanidade, mentres que a primeira trata unicamente dos “hechos de España”. O seu reinado coincide coa fase de máximo esplendor da lírica galego-portuguesa e a súa Corte foi lugar de encontro de numerosos trobadores desta escola, pero tamén de moitos trobadores provenzais (entre os que destacan Guiraut Riquier e N’At de Mons, que atoparon no Rei non só un protector xeneroso, senón un intelixente interlocutor para cuestións de tipo literario e científico). O seu labor poético abrangue composicións profanas e poesías compostas en honor da Virxe. A poesía profana doRei Afonso está composta por un total de corenta e catro poesías (dúas delas en estado fragmentario) que se reparten en catro tenzóns (sostidas con Vasco Gil, Pai Gomez Charinho, Garcia Perez e Arnaldo), tres cantigas de amor, unha de amigo e trinta e seis de escarnio, xa sexan estas dirixidas contra alguén en concreto, ou sátiras de carácter social e literario. Entre 1261 e 1265 adóitanse datar unha serie de sete cantigas nas que Afonso X arremete, xa xocosamente sarcástico, xa despectivamente irónico ou, incluso, ofendido, contra a inseguridade, as dúbidas e a covardía dos cabaleiros e coteifes que declinaron participar na guerra ou fuxir dela arrepiados ante a perspectiva de se teren que enfrontar coa valente cabalería árabe. Tamén os ricos-homens son obxecto favorito para a sátira por parte do Rei, quen lle recrimina a ausencia total de calidades corteses e a incapacidade de adecuarse debidamente á nova situación de riqueza na que viven. Participa no ciclo de cantigas de escarnio que teñen como branco a famosa cortesá galega María Balteira e compón sátira literaria. Lugar á parte merece, no panorama do escarnio de tipo moral, a cantiga “Non me posso pagar tanto”, un texto anómalo no ámbito peninsular, no que o Rei, cun ton aparentemente sincero, manifesta o seu desexo de retirarse da vida da Corte e das armas. As Cantigas de Santa María poden separarse en dúas clases moi diferenciadas: dun lado as puramente líricas, que entroncan coa evolución da himnodia eclesiástica cara ás formas denominadas de música piadosa non liturxista; doutro, as narrativas, aínda que non poden considerarse como un xénero puramente relatador debido ao ton poético no desenvolvemento sempre musical. A primeira obra en castelán coa que se relaciona directamente Afonso X é a versión do Calila e Dimna, que debeu ser traducida cara ao 1251, cando era aínda infante. Trátase dun libro de contos orientais de orixe árabe, que el propón como un manual para a educación de príncipes, a través dunha exposición dialéctica, chea de exemplos. A partir de 1270 dedícase á compilación e tradución de tratados de carácter científico. O Libro del saber de astrología, a recompilación romance máis completa sobre esta ciencia, comprendía 16 tratados de carácter puramente técnico; só o primeiro deles, o da Ochava esphera posúe unha dimensión descritiva, en tanto que os outros quince conteñen instrucións para construír aparellos de observación das estrelas e favorecer a medición e o cálculo astronómicos. As Tablas alfonsíes, de atribución discutida, son unha serie de táboas nas que se informa sobre os catálogos de estrelas, localización de planetas, coordenadas zodiacais, etc, amplamente difundidas por todo Occidente ata finais do s XVI. A curiosidade polas cousas da terra tamén ten cabida na obra afonsina por medio do Lapidario, no que se describen e estudian as pedras desde o punto de vista máxico e misterioso (poderes curativos, malignos, etc). Así mesmo, da ambición por unha vida cortés que identificase a súa Corte, xurdiron unha serie de tratados para entretemento da clase nobre que a poboaba como os Libros de acedrex, dados e tablas, nos que se explican os fundamentos teóricos e regras para practicar estes xogos de mesa; o Libro de las animalias que caçan onde sostén que a caza constitúe o exercicio máis adecuado para pór en práctica as habilidades e saberes inherentes á vida cabaleiresca; e libros de leis, de “estoria” e de ciencia que non son máis que facetas complementarias do saber global que o Rei ten a obriga de transmitir aos seus subditos e que quere converter en soporte do armazón cortesán do que depende a súa propia figura e o seu propio valor como “regidor de pueblos”. É evidente que unha produción literaria semellante á aquí exposta non puido ser froito persoal do Rei; a súa intervención nas obras que patrocina e inspira é difícil de establecer con exactitude, agás na súa lírica profana. Sen dúbida, el estaba detrás, dando instrucións, seleccionando os materiais e vixiando o curso das obras e, nalgunhas ocasións, el mesmo escribiría ou corrixiría algo, como o demostran as numerosas glosas marxinais que conservan os manuscritos.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Toledo -
Deceso
Lugar : Sevilla