Afonso XI o Xusticeiro

Afonso XI o Xusticeiro

Rei de Castela e León (1312-1350). Fillo de Fernando IV e de Constanza de Portugal. Nas pugnas pola súa titoría fixo un papel moderador a avoa do Rei, María de Molina, que confinou a Afonso en Valladolid. Declarado maior de idade en 1325, iniciou unha política de man dura contra os nobres sediciosos. Baixo o seu Reinado, levantáronse en Galicia novas casas que acadaron gran poder: os Castro, os Sarmiento, os Osorio, os Andrade, os Deza, etc. Os nomeamentos que outorgou en Galicia e no resto do seu Reino provocaron numerosas revoltas. Confirmou o Arcebispo de Santiago como capelán maior do Real Pazo e chanceler do Reino de León, así como aos seus sucesores. Non lle concedeu, sen embargo, o señorío da   cidade e a súa terra. Afonso de la Cerda rendeulle homenaxe (1331) e puxo fin ao preito dinástico. Proseguiu a conquista; o Rei de Granada solicitou o auxilio do Sultán de Marrocos, que se apoderou de Gibraltar. Cercada Tarifa, unha escuadra marroquí derrotou á castelá (1340). Afonso obtivo a cooperación dos reis de Catalunya-Aragón e de Portugal; co segundo dirixiuse cara a Tarifa, e venceu os musulmáns na Batalla do Salado (1340); onde participaron forzas da coroa catalano-aragonesa. En 1342 comezou o asedio de Algeciras que se rendeu (1344). O Rei morreu cando asediaba Gibraltar. As Cortes de Alcalá de Henares do 1348 deron forza de lei ás Partidas (ordenamento de Alcalá). Das relacións de Afonso XI con Leonor de Guzmán xurdiu a dinastía ilexítima dos Trastámara. Tivo afeccións literarias, igual ca o seu bisavó Afonso X, aínda que a súa produción non foi tan ampla. Foi o derradeiro protector da poesía trobadoresca en Galicia. Na actualidade unicamente se lle atribúe a cantiga 209 do Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, escrita ao redor do ano 1329, que marca a ruptura coa tradición trobadoresca e anuncia as características da escola galego-castelá, non só polo emprego dunha lingua híbrida, senón tamén por utilizar outros elementos frecuentes nese grupo poético: a estrofa zexelesca e as comparacións florais na descrición feminina.   Así mesmo, encargou unha crónica do seu reino: poema de Afonso XI, texto da primeira metade do s XIV versificado en castelán que foi atribuída a Ruy Yáñez (tamén a un autor portugués castelanizado non identificado). Está considerada de autor culto e como a derradeira manifestación do mester de clerecía.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Salamanca

  • Deceso

    Lugar : Gibraltar