Afonso XII

Afonso XII

Rei de España (1874-1885). Fillo de Isabel II e do Rei consorte Francisco de Asís, tivo que desterrarse aos 11 anos tralo triunfo da Revolución de Setembro (1868) que destronou a súa nai. No desterro foi educado nos máis variados ambientes da Europa da súa época, pasando dende o tradicionalismo austríaco ata o parlamentarismo británico. Casou coa súa curmá María das Mercedes de Orleáns, falecida pouco despois; coa súa segunda dona, María Cristina de Habsburgo-Lorena, sobriña do Emperador Francisco Xosé, tivo dúas fillas e un fillo póstumo, Afonso de Borbón e Habsburgo-Lorena. Trala renuncia de Isabel II (1870) recibe os dereitos á Coroa española. Este feito constitúe un intento organizado polos monárquicos españois, agrupados en torno o Partido Afonsino de Cánovas, que contaba con elementos moderados e unionistas opostos á opción de Amadeo de Savoia, para   conservar os dereitos da dinastía Borbón sobre o Reino de España. O Golpe de Estado do Xeneral Pavía, ao disolver as Cortes en xaneiro de 1874, puxo fin á etapa democrática (1868-1973) e deu paso á transición protagonizada por Serrano. En decembro de 1874, o Pronunciamento de Martínez Campos en Sagunto, logo de que Afonso de Borbón manifestase a súa vontade de gobernar co apoio das cámaras, proclama a restauración borbónica. Cánovas fíxose cargo do goberno e Afonso XII retornou á Corte de Madrid. A actitude do Rei de presidir a vida política sen se inmiscuír no que non era propio da súa calidade de monarca non debe servir para eludir as súas responsabilidades políticas derivadas da aprobación da Constitución conservadora de 1876, vixente ata a proclamación da Segunda República (1931) e substituta da moderada de 1869. Cánovas estableceu as bases do sistema de quenda no poder entre o Partido Conservador, liderado polo propio Cánovas, e o Partido Liberal, de Sagasta. Non obstante , estes partidos carecían de estrutura organizativa, carecían de programas unificados e no seu seo apareceu o caciquismo e a figura do deputado cunero, que non coñecía o distrito polo que se presentaba. Durante o reinado de Afonso XII o galeguismo evolucionou do provincialismo ao rexionalismo; o campesiñado, ao fracasar a vía parlamentaria como mecanismo axeitado para resolver os conflitos agrarios, desenvolveu o agrarismo; por último, os conflitos obreiros deron lugar ao nacemento do sindicalismo e do movemento obreiro en xeral. Así mesmo, durante o seu reinado, rematou a Terceira Guerra Carlista (1876) e puxo fin á insurrección cubana (1878), feitos que fixeron que o monarca fose alcumado o Pacificador, denominación que non chegou a callar. Ademais da súa participación na política activa, o Rei realizou unha serie de viaxes por España   entre os que cómpre salientar as tres realizadas a Galicia. En xullo do 1877, co gallo do Ano Santo Compostelán levou a cabo unha visita a Galicia. O día 24 de xullo chegou a Carril (Vilagarcía de Arousa) procedente de Gijón, trasladado pola escuadra real; no mesmo día chegou a Santiago en ferrocarril, presidindo, xunto co Arcebispo, o Cardeal Payá, as celebracións do día do Apóstolo. Quedou en Compostela ata o día 31, para levar a cabo diversos actos e visitas: ademais da Catedral, estivo no Hospital Real, no convento de San Francisco, San Martiño Pinario e no mosteiro de Conxo, dedicado a manicomio; na súa visita á Universidade, gobernada polo Rector Casares, os alumnos preséntanlle reivindicacións académicas centradas no restablecemento de licenciaturas e doutoramentos que foran abolidos (licenciatura en Filosofía e Letras e Ciencias e doutoramentos en Dereito, Medicina e Farmacia). Así mesmo, os directores da prensa de Santiago expóñenlle reivindicacións moi vivas na Galicia da época: estrutura ferroviaria axeitada, solución do problema migratorio, Arquivo Xeral de Galicia, capitalidade de Galicia para Santiago, manicomio, e ensinanza completa en todas as facultades da Universidade ás que se lles privara. Visitou logo Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lugo, para volver o 7 de agosto a Gijón dende o Arsenal do Ferrol. No 1881 realizou outra viaxe a Galicia na compaña esta vez de María Cristina, a súa segunda muller. Desembarcou no Arsenal de Ferrol o 9 de agosto; o 13 entraba na Coruña, para chegar o 15 a Carril e tomar o ferrocarril a Santiago, onde permaneceu dous días, tralos cales visitou o castelo de Mos, Marín, Vigo, Ourense, Baiona, e Vigo novamente, onde presidiu unhas manobras militares nas illas Sicas que ocasionaron algúns feridos e mortos. Partiu o día 24 para Santander. A derradeira visita de Afonso XII a Galicia comezou o 1 de setembro do 1885, co gallo da inauguración do ferrocarril da Coruña, impedindo o temporal o festexo e a volta do monarca por mar. Nesta visita o recibimento foi moito menos celebrado que nas anteriores, sendo escasas mesmo as noticias da prensa alusivas á ocasión: xunto ao xeneralizado rexeitamento á Restauración e á represión da que foran obxecto os republicanos, pesaba a miseria dunha inmensa parte dos galegos, defraudados nas expectativas que se crearan cando o proclamamento do Rei. Morreu afectado por unha tuberculose, atribuída aos contactos que gustaba de manter cos madrileños nos ambientes populares. Logo da súa morte, María Cristina   exerceu a Rexencia (1885-1902) durante a minoría de idade do futuro Afonso XIII.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Madrid

  • Deceso