Afonso XIII
Rei de España (1886-1931). Fillo póstumo de Afonso XII e de María Cristina de Habsburgo-Lorena. Casou coa princesa británica Enna de Battengerg, que adoptou o nome de Victoria Euxenia, o 31 de maio de 1906; no mesmo día foron obxecto dun atentado anarquista perpetrado por Mateo Morral. Durante a Rexencia (1885-1902) da súa nai tivo lugar a derrota diante dos EE UU, que significou a perda das colonias insulares de Cuba, Porto Rico e Filipinas. Así mesmo, ese feito provocou unha reacción nacionalista española que ten a Xeración do 98 como máximo expoñente. Dende o momento en que se fixo cargo do poder, amosou un talante oposto ás limitacións constitucionais e unha fonda compenetración co estamento militar. A política interior de Alfonso XIII estivo marcada polos numerosos conflitos que xurdiron ao longo do seu reinado. Durante os primeiros anos do seu reinado formou goberno con Silvela, Maura e Canalejas, que cun espírito rexeneracionista procuraban renovar o sistema de quendas herdado do seu pai. A consolidación do crecemento do Partido Socialista e das dúas grandes centrais sindicais (UXT e CNT), que organizaron a confrontación laboral entre os patróns e obreiros nas zonas industrializadas (Catalunya, Euskadi, Vigo, A Coruña ou Ferrol) nunha aberta “guerra social”; a cuestión marroquí (creación dun protectorado en 1904 e Campaña de Marrocos de 1909, que proseguiron ata 1927); e o progreso do nacionalismo periférico (Lliga, Solidariedade Galega, etc), foron algunhas das manifestacións máis evidentes do malestar xeral propiciado polo desgaste dun sistema político que non foi quen de anovar. Os sucesos da Semana Tráxica de Barcelona (1909) levaron a Afonso XIII a retirarlle o seu apoio a Maura, polo que confiou a formación do novo goberno a Canalejas (1910). No 1913 chamou a Dato ao poder, prescindindo de Maura, xefe do Partido Conservador, o que contribuíu a escindir esta organización política. Dende 1914 a atomización dos partidos dinásticos coincidiu cun extraordinario desenvolvemento económico que ampliaron os desequilibrios sociais máis notorios: problema agrario (p ex cuestión dos foros), conflitos laborais (p ex mobilizacións no Morrazo e noutros portos galegos que enfrontaron os mariñeiros, armadores e conserveiros), etc. Ao rematar a Primeira Guerra Mundial procurou resolver o clima revolucionario que se expresaba nas rúas co Goberno Nacional de 1918; sen embargo, a situación tornouse extremadamente insostible ao descubrirse a súa intervención directa na Guerra de Marrocos, que conduciu ao Desastre de Annual (1921). Afonso XIII favoreceu o golpe de estado de Primo de Rivera (setembro do 1923). Durante a Ditadura consolidouse o crecemento económico de España, como demostra a celebración das Exposicións Universais de Sevilla e Barcelona (1929) e o movemento obreiro e agrarista foi completamente perseguido, malia a colaboración de dirixentes socialistas como Largo Caballero e agrarios como Basilio Álvarez, como proba o feito da ilegalización das centrais sindicais e a detención ou asasinato dos seus dirixentes. Non obstante , durantes anos o nacionalismo viviu unha etapa de consolidación evidente (Irmandades da Fala, Xeración Nós, Seminario de Estudos Galegos, etc). Fracasado o réxime ditatorial, rexeitou a Primo de Rivera (1930) e, despois da paréntese do goberno do Xeneral Berenguer e do Almirante Aznar, tentou o retorno ao constitucionalismo. A oposición ao Rei, á ditadura e ao sistema caciquil expresouse de xeito rotundo nos resultados das eleccións municipais do 12 de abril de 1931, nas que os españois optaron pola opción republicana. Por consecuencia dos resultados electorais o Rei viuse na obriga de se exiliar, o que provoca a proclamación da Segunda República o día 14 de abril de 1931. Afonso XIII, que permaneceu en Roma durante o período republicano e non renunciara a participar na política española a través dos partidos monárquicos, aprobou dende o exilio o Alzamento militar de xullo do 1936 e a política posterior do Xeneral Franco. Participacipou activamente na política e realizou varias viaxes por España entre as que destacan as seis realizadas a Galicia. Aínda menor de idade, realiza a súa primeira visita a Galicia entre o 23 de agosto e o 7 de setembro do 1900, acompañado da familia real e do Presidente do Consello de Ministros, Silvela. Procedente doutros portos cantábricos, desembarcou na Coruña, visitando logo Corcubión, Muros, Marín, Pontevedra, Vigo, A Guarda, Vilagarcía, Cariño, A Graña, Ferrol, Estaca de Bares, O Barqueiro e Viveiro, dende onde saíu cara a Santander a bordo do iate Giralda. No 1904, entre o 15 e o 18 de marzo, fai a súa segunda visita a Galicia, acompañado polos ministros de Agricultura e de Mariña. Chega a Ourense en ferrocarril, saíndo logo cara a Vigo, onde visita varios centros oficiais. Entrevístase a bordo do iate Giralda e do cruceiro alemán Friedrich Karl co Kaiser Guillerme II, que o alenta sobre da cuestión conflitiva de Marrocos; esta entrevista suscitará inquedos comentarios nos ambientes diplomáticos europeos. O 18 parte en ferrocarril a Lugo, entrevistándose cos profesores Gil Casares e Romero Blanco, acompañados por un grupo de estudiantes da Universidade Compostelá; visita a catedral e o concello lucenses, recibindo unha homenaxe da Deputación Provincial. O 20 de setembro do 1907 chega por terceira vez a Galicia nun tren especial coa intención de asistir ao final das manobras do exército que tiñan lugar en Bóveda, que, coa participación de 20.000 militares de Galicia, Asturias e León, eran as de maior envergadura levadas a cabo polo exército español ata entón; o día 24 visitou Monforte de Lemos, Ourense, Pontevedra, Carril e a illa de Cortegada, onde o delegado rexio, Quiroga Ballesteros, lle entregou a escritura de posesión da illa, volvendo a continuación a Madrid. A cuarta visita a Galicia desenvolveuse entre o 24 e o 26 de xullo do 1909: chegou á Coruña nun tren especial na compaña do Presidente do Consello de Ministros, Antonio Maura; o día 25 asistiu en Santiago á ofrenda do Apóstolo e visitou Ferrol, onde o 26 inaugura as obras de quilla do primeiro acoirazado construído nos estaleiros ferroláns. En febreiro do 1912 visitou por quinta vez Galicia, iniciando a súa viaxe por Ferrol co gallo da botadura do acoirazado España e a colocación da quilla do Jaime I, para ser logo homenaxeado no teatro Jofre; aproveitou a estancia en Galicia para pasar por Lugo e Monforte de Lemos. A visita motivou a Castelao para realizar caricaturas do Rei e doutros persoeiros relacionados coa ocasión. A finais do verán do 1927 realizou a súa derradeira visita a Galicia, a sexta, chegando ao Ferrol procedente de Bilbao no acoirazado Jaime I; inaugurou na Coruña as obras do trazado do ferrocarril entre a cidade herculina e Santiago de Compostela, para pasar logo por Lugo, Santiago, Marín, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Baiona, Vigo e Ourense, onde tomou o ferrocarril a Madrid. Pouco antes de morrer renunciou aos seus dereitos a prol do seu terceiro fillo, Xoán. No 1980 os seus restos foron trasladados de Roma ao mausoleo real do mosteiro de San Lorenzo de El Escorial.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Madrid -
Deceso
Lugar : Roma