Afonso Fernandez Cebolhilha Cebolilha, Cobolhilha, Cobolilha
Trobador da escola galego-portuguesa que desenvolveu a súa actividade poética na segunda metade do século XIII. Xa ninguén acepta a súa identificación co tamén trobador Afonso Fernandez Cubel, pois investigacións máis recentes ven nel a un nobre sevillano pertencente á familia dos Cebollilla; máis concretamente sería fillo de Hernán Cebollilla. Acompañou a Afonso Perez de Guzmán no último cuarto do s XIII no seu exilio africano. Frecuentou as Cortes de Afonso X e a do seu fillo Sancho IV, onde contactou con trobadores como Gonçal’ Eanes do Vinhal, Airas Nunez, Pai Gomez Charinho, entre outros. O da Biblioteca Nacional e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana transmitiron baixo o seu nome dúas cantigas de amor, “Senhor fremosa, des quando vus vy” (na que se emprega o esquema métrico-rimático abbaacca, un dos máis practicados polos trobadores galego-portugueses) e “Muy gram sabor avedes, mha senhor”. Ademais, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional atribúelle outra media ducia de composicións que, sen embargo, V asigna a Men Rodriguez Tenoiro; atribución esta última que, segundo a crítica especializada, é máis atinada. Nos dous textos que sen dúbida son da súa autoría, desenvólvense motivos habituais no xénero da cantiga de amor, tales como a coita e o segredo amoroso. É, na forma, onde o trobador amosa unha maior habilidade. Aínda que entre as dúas pezas existen diferencias -a primeira sérvese das cobras dobras, a segunda das cobras unisonantes- , presentan tamén notables afinidades no plano formal: son cantigas de mestría, con sete versos decasílabos en cada estrofa, nas que se individualizan algúns dos procedementos retóricos máis caracterizadores do lirismo galego-portugués, como o dobre -que no primeiro dos textos varía de estrofa en estrofa-, a palabra rima ou, na última das composicións, a palavra perduda.